“O ano con máis ganancias para a distribución vai ser o de máis perda para os gandeiros”

Produtores concéntrase na sede da Xunta para exixir prezos xustos para o leite. A nova campaña, que comeza o 1 de abril, preséntase como aínda máis dura para as explotacións galegas. Leche Río vén de anunciar que deixa de recoller o leite a 64 granxas.

leite protesto

Os produtores de leite retomaron esta quinta as mobilizacións ao pé da sede da Xunta, unha imaxe que foi habitual no outono do ano pasado e que pode volver selo nesta primavera e verán. O motivo volve ser o mesmo: o baixo prezo do leite, que sitúa ao límite un bo número de explotacións galegas. O propio goberno español recoñecía hai uns días que nos vindeiros anos ían botar o fecho unhas 5.000 explotacións no Estado. Os gandeiros calculan que delas, por volta de 3.500 serán galegas.

Das 5.000 explotacións do Estado que o goberno español agoira que fecharán nos vindeiros anos, unhas 3.500 serán galegas, calculan algúns produtores.

A concentración estaba convocada pola Plataforma en defensa do sector lácteo e á mesma sumáronse a OPL e Agromuralla. Un protesto tanto polos baixos prezos como polo problema de recollida de leite que nos últimos meses vai en aumento e afecta a cada vez máis granxas galegas. Un problema este que se vai agravar na nova campaña, que comeza esta sexta feira, segundo fontes do sector. Un exemplo disto é que Leche Río xa anunciou que ía deixar de recoller a 64 explotacións.

Dificultades

E hai que ter en conta que hai que engadir aquelas explotacións que entregan a súa produción a prezos de leite en po (por baixos dos 20 céntimos). Nesta situación había hai un mes, lembra Campo Galego, unhas 400 granxas, cifra que de certo aumentou.

En menos de tres anos, o prezo que se lle paga aos produtores galegos polo leite caeu un 26%

En declaracións dos gandeiros que se mobilizaron, testemuñadas por Cadena Ser, apontaban que paradoxicamente o ano no que a distribución vai incrementar as súas ganancias, vai ser tamén o ano de importantes perdas dos produtores. Por iso inciden en que nos diferentes elos da cadea non todos sofren estas dificultades. 

En novembro do 2013 o prezo medio ao que se lle pagaba en Galiza un litro de leite ao gandeiro era de 39 céntimos. Dous anos despois, en novembro de 2015, era de 28,7 céntimos, unha queda do 26,4%, a máis grande de entre todos os territorios do Estado español. En 2015 tiveron que botar o fecho 600 explotacións en todo o Estado, 425 as cales eran galegas, o 70% do total.

Comentarios