O ano 2040 podería deixar 1,4 millóns de hectáreas de eucalipto e piñeiro

O Parlamento galego debaterá o vindeiro 23 de febreiro a primeira revisión do Plan Forestal da Galiza proposto pola Consellaría de Medio Rural. Catorce organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais iniciaron unha campaña de rexeitamento deste texto, que cualifican de "antidemocrático" e advirten de que "privatiza o monte" en beneficio de determinadas empresas. Denuncian, ademais, que incrementará a presenza do eucalipto.
Traballos da deseucaliptización no monte de Laredo, en Caldas de Reis (Imaxe de arquivo de Cousa de Raíces / CMVMC de Carracedo).
photo_camera Traballos da deseucaliptización no monte de Laredo, en Caldas de Reis (Foto: Imaxe de arquivo de Cousa de Raíces / CMVMC de Carracedo).

O Plan Forestal da Galiza está a recibir cada vez máis críticas por parte de entidades e organizacións. Unha fronte de colectivos sociais iniciou a pasada sexta feira, cunha xuntanza co PP, unha rolda de reunións cos grupos políticos con presenza no Parlamento galego con vistas ao debate que terá lugar no hemiciclo o vindeiro 23 de febreiro. Para esta terza feira 9 de febreiro están previstas co BNG e o PSOE

Da xuntanza co PP, o coordinador de Fruga, Manuel da Cal, sentencia que foi un "diálogo de xordos". En declaracións a Nós Diario relata que non houbo "nada de puntos de encontro que presaxien un cambio na súa postura". Explica que no Grupo Popular "teñen unha defensa intransixente do eucalipto", até mesmo persoal por parte da deputada Elena Candia "co argumento de que ela é dunha das zonas onde hai moito eucalipto e onde menos arde e pola contra a xente quita unha renda por eles". 

Entre as alegacións presentadas ao plan destaca a que denuncia o fomento do monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras até acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de metros cúbicos de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido até os 12 millóns de metros cúbicos de cortas por ano. "Son datos estimados, ao contarmos só co inventario estatal desfasado de 2009", asegura a Nós Diario Belén Rodríguez, portavoz da asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega).

Neste caso denuncian que o plan propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por Eucalipto nitens, "pese a ter pasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos". A proposta do Goberno galego, para estas organizacións, "favorecería a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios" e pola contra "non formula solucións para as causas estruturais dos incendios".

Prexuízo para os montes en man común

Xosé Alfredo Pereira Martínez, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, indica que este plan de Medio Rural causa "un prexuízo xeral que é que non se aposta por un monte multifuncional, senón que deixa a explotación do monte no aspecto forestalista e dálle pé a que determinadas empresas procedan a ordenar o territorio do rural en base aos seus intereses económicos". 

Entre as alegacións presentadas está a denuncia de que o texto proposto alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. "Para nós o que propón este plan é abertamente a privatización dos montes veciñais", asegura Pereira, "agora son das mulleres e dos homes que viven nese lugar, algo que queren modificar", engade. 

Outro agravante, para o responsábel desta organización, é que "queren dotar as comunidades de montes de personalidade xurídica, o que significa que o monte veciñal pasa a estar dentro do carácter romano da propiedade e polo tanto poderase herdar, vender e transmitir".   

Unha das alegacións apunta que "carece de consenso social" posto que "na súa tramitación non se viron representados todos os axentes vinculados ao monte e ao medio rural".

Pereira expón que "o Plan forestal debería vir de volta mesmo por unha cuestión de tramitación". Reitera que se fixo "en base a un inventario inadecuado e vello de 2009" que “mesmo indica que non é quen de distinguir entre especies de eucalipto". Por este motivo denuncia que "o conselleiro de Medio Rural está a dicir unha gran mentira cando fala e vende que foi elaborado cun gran consenso, en todo caso foi elaborado co consenso dos empresarios forestais e madeireiros".

Comentarios