domingo 27/09/20

Amparo Montenegro, turismo enolóxico: "Nas adegas non crían que a xente pagaría por vir visitalas e logo foi todo un éxito"

Amparo Montenegro, enoturismo Galicia (Enoturismo Galicia).
Amparo Montenegro, enoturismo Galicia (Enoturismo Galicia).

Crer e ter ilusión nun proxecto é fundamental para que este funcione. Foi o que pensou Amparo Montenegro cando despois de traballar en varios aeroportos e pasar tres anos en Inglaterra para perfeccionar o inglés, volveu á terra de seus pais, na Ribeira Sacra, para fundar unha empresa de enoturismo. O seu obxectivo é dar a coñecer e dignificar a tradición vitivinícola que lle transmitiron desde pequena.   

Vivir do turismo sempre foi a súa primeira opción?

Eu dediqueime sempre ao turismo mais noutro ámbito. Traballei en aeroportos mais por circunstancias da vida trasladeime e pensei en dedicarme ao enoturismo. A razón foi que meus avós sempre tiveron sempre viñas na zona da Ribeira Sacra. Traballei nela e sempre me chamou a atención. Após pasar por hoteis e axencias decidinme a crear unha empresa de enoturismo, que non había na Galiza.

Cal é a súa idea de enoturismo?  

Quero enfocar o enoturismo para que a xente comprenda a cultura, o traballo de como se elabora o viño desde o viñedo até que o probas na copa. Fago moitos obradoiros de viticultura e creo que o fin é poder facer actividades apalpando, tocando e experimentando. Para min iso é o enoturismo.

Foi doado convencer as adegas para que deixasen entrar xente nas súas casas?

Moi complicado. Cando comecei estiven un ano traballando sobre o proxecto, buscando os diferentes servizos. Nas adegas, nun principio, houbo de todo, desde as que non crían que a xente pagase por vir ver unha adega. Outras estaban máis participativas e deron moitas facilidades. Logo comecei cos obradoiros de recollida da uva na vendima, de poda,... pasou igual, non crían que viñese xente pagando para participar. E foi un éxito e funcionan todo o ano. Engadín o tema do aceite e a recollida das olivas en Quiroga. Unha vez que viron que as actividades funcionaban colleron confianza e agora é xenial. 

Que tipo de turista escolle o enoturismo?

Hai de todo. Depende da actividade. Nos obradoiros de vendima hai moita familia con nenas e nenos para que vexan todo o proceso, tamén hai parellas. Despois durante todo o ano súmanse grupos de amizades. A xente que vén e repite en calquera época do ano son persoas interesadas no viño, que lle gusta saber. Hai especialistas mesmo. 

Hai posibilidade de estender esta iniciativa a outras Denominacións de Orixe? 

Onde máis traballo é na Ribeira Sacra e Valdeorras, aínda que tamén teño actividades no Ribeiro en algo en Rías Baixas. Vou pouco a pouco, gustaríame chegar a máis DO, mais coa miña liña de traballo. Agora, coa pandemia, non é o momento.

Afectou esta situación ao enoturismo?

Outros anos a xente reservaba con tempo e agora é en quince días. Non se queren moitas actividades, non sei se é por tema de diñeiro ou por precaución pola situación sanitaria. Houbo moitas cancelacións cando comezaron a saír os primeiros gromos na Mariña. 

O futuro do turismo na Galiza pasa por buscar alternativas ao tradicional?

Xa funciona. Non temos un turismo de interior masivo nin é o que queremos. A xente busca cultura, tradición, gastronomía, ... ver a esencia dun territorio e dunha zona. Iso funciona e máis coa situación que temos agora. Eu aposto e sigo apostando por este turismo, que é o que reclama a xente.

Que se tería que mellorar para favorecer ese tipo de turismo?

Sempre se pode mellorar. Na Ribeira Sacra contamos con infraestruturas mais temos carencia de aloxamento en semanas puntuais do ano. Creo que o importante é formar a xente en todos os ámbitos partindo do hostaleiro. É fundamental para dar un servizo de calidade. É importante distinguir un territorio sobre todo agora que loitamos por ser Patrimonio da Humanidade. Ofertar calidade que é o que busca o turista. 

comentarios