A ameaza dunha macrogranxa de Soria que paira sobre o rural galego

Fruga e SLG advirten do impacto de proxectos como o que se prevé facer en Almazán, Soria. Unha instalación de 20.000 vacas que terán, alertan, consecuencias negativas para Galiza tanto no económico, como no social e ambiental.

Vacas muxidura muxir granxa leite Imaxe-GEA
photo_camera Imaxe-GEA

Unha empresa navarra proxecta instalar en Almazán, Soria, unha megaexplotación de 20.000 vacas. Un proxecto, a maior granxa de vacas de Europa, que xa espertou preocupación e receo no rural galego, como recollen organizacións como a Federación Rural Galega (Fruga) ou o Sindicato labrego galego (SLG). Unha macrogranxa destas características tería consecuencias negativas para Galiza, tanto no económico como no social ou no ambiental.

Desde a Fruga advirten do “impacto negativo” que este tipo de proxectos vai ter sobre as explotacións e sector galego e instan as administracións competentes a que paralicen estas “megaexplotacións”. “Estamos a falar dun modelo de produción típico de Estados Unidos ou China, pero non dun modelo de produción baseado nas explotacións de carácter familiar, que consegue crear un importante número de postos de traballo no rural galego, favorece a creacción dun medio rural vivo e unha xestión mais responsábel do medio ambiente”, explica a Federación rural galega. Lembra que polo que se vai apostar agora no estado español está prohibido noutros estados: “Francia impide a construción de explotacións de máis de mil vacas”.

Os por ques

O SLG sinala que esta macrogranxa producirá ela soa “o equivalente a 10% da produción total das 8.600 granxas galegas". É dicir, implantando este modelo, 10 explotacións coma esta poderían substituír a totalidade das granxas de Galiza”. A Fruga cifra en 240.000 as toneladas o leite que poden saír dese tipo de instalacións, o que equivale a 30% da produción de Castela-León. “De levarse adiante este proxecto, un importante número de explotacións lácteas terán que pechar as súas portas. Vamos a un modelo agroindustrial, que nalgúns estados da Unión Europea está prohibido”.

Estes proxectos, pois, obrigarán a fechar explotacións lácteas, destruirán emprego e serán unha volta de porca máis na desertización do rural. Ademais, supoñen un importante risco ambiental. A Fruga advirte: “Estímase que esta granxa pode xerar unhos 2 millóns de litros de xurro ao día o que implica un grave perigo de contaminación medioambiental. Noutros estados, como o holandés, están emprendendo o camiño de volta despois de ter transitado polo que agora se quere camiñar no Estado español”.

Comentarios