Amancio Ortega sóbelle o aluguer a Inditex un 7%

No primeiro semestre a empresa téxtil pagou 20,11 millóns de euros a sociedades de investimento de Ortega, por ser inquilino dos seus inmobles.

Amancio Ortega

Amancio Ortega subiu o aluguer un 7% a Inditex, a empresa que fundou e da que é o primeiro accionista. Inditex pagou 20,11 millóns de euros no primeiro semestre ás sociedades de investimento de Ortega, Pontegadea e Partler, en concepto de aluguer de inmobles para as súas tendas. Isto supón perto dun millón e medio de euros máis que no mesmo período do ano pasado. Un pagamento que fixo ao seu fundador en concepto de arrendamento.

Ortega é o primeiro accionista de Inditex, cunha participación de perto do 60%, e tamén é o caseiro de edificios onde están instaladas tendas da multinacional de Arteixo. De feito este campo, os investimentos mobiliarios, está a ser onde aposta nestes anos Ortega para incrementar o seu negocio. Adquire inmobles en diferentes partes do mundo e, nalgúns casos, estes acaban acollendo localis de Inditex. E non de balde.

Mais non só a Inditex lle aluga Amancio Ortega. Tamén é caseiro da competencia. Marcas como H&M, Mango ou Primark pagan o aluguer ao fundador de Inditex. O holding inversor de Ortega pechou 2015 cun volume de total de activos de máis de 10.264 millóns de euros. Son 2.500 millóns de euros máis que no ano anterior, 2014.

Fortunas que engordan

O patrimonio de Sandra Ortega, primoxénita de Amancio Ortega, continúa a medrar e a finais de 2015 xa superaba os 5.800 millóns de euros.Ao longo dese ano incrementou en 2.190 millóns. Desa cifra, algo máis da metade, 1.200 millóns de euros, de Inditex, grupo do que posúe por volta do 5.05%.

Comentarios