Ortega reorganiza os seus activos coa absorción da empresa dona do complexo de Casas Novas

A firma hípica Grilse, que era a propietaria do centro hípico ubicado en Arteixo, vén de ser integrada en Pontegadea España.
Amancio é unha das persoas máis ricas de Europa. (Europa Press).
photo_camera O empresario Amancio Ortega nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O empresario fundador de Inditex, Amancio Ortega, continúa a reordenar todos os seus activos. Nesta ocasión transcendeu a desaparición do negocio hípico Grilse, ao que pertencía a propiedade do centro hípico de Casas Novas, situado no municipio de Arteixo e lugar que acolle dúas probas de especial importancia ao ano.

Segundo indica Europa Press, Grilse foi absorbida por outra empresa de Ortega, Pontegadea España, disolvendo a entidade que presidía a súa muller Flora Pérez e que tiña a Marta Ortega e José Arnau como conselleiros.

Malia que a comunicación fíxose o pasado verán, non foi até o 1 de xaneiro deste ano cando foi oficial o cambio a todos os efectos.

O Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (Borme) tamén publicou esta quinta feira a absorción de Pontegadea Inversións pola filial Pontegadea 2015. Inclúe as súas participacións financeiras, entre as que está Telxius.

Aliás, nese camiño para a simplificación da estrutura empresarial do magnate, Pontegadea Inversións queda separada de Pontegadea GB 2020, onde só están as propiedades cuxa localización está no Reino Unido.

Este grupo, que engloba todas as sociedades de carteira, as filiais inmobiliarias e as participacións de Ortega, fechou o ano 2019 cun beneficio neto de 1.778 millóns de euros, o que implicou un aumento case do 15% en relación ao exercicio anterior.

Estes números fai que se consolide como o operador máis grande do mercado inmobiliario do Estado español e mesmo o coloca por enriba dos seus competidores directos en Europa.

Comentarios