Amancio Ortega recibe en dividendos polas súas accións máis do que paga Inditex en impostos

O fundador do imperio téxtil cobrará 894 millóns de euros dos 1.371 millóns que repartirá Inditex entre o seu accionariado. 

Amancio Ortega
photo_camera Amancio Ortega

Amancio Ortega cobrará este ano máis dividendos procedentes de Inditex do que a transnacional de orixe galega pagará en impostos (821 millóns) polo mesmo exercicio. Segundo os dados feitos públicos por Inditex, o seu fundador, Amancio Ortega, percibirá 894 millóns de euros procedentes dos beneficios xerados pola empresa durante 2013. Esta cantidade supón 81 millóns máis que no período anterior. Xunto a el a súa filla Sandra Ortega, herdeira da porcentaxe de accións propiedade de Rosalía Mera recibirá 72 millóns de euros. 

Para alén dos dividendos que lle corresponden na repartición dos beneficios, Amancio Ortega cobra un salario de 100.000 euros en calidade de conselleiro. Actualmente é titular do 59,294% do accionariado de Inditex, o que o converte no accionista maioritario e no terceiro home máis rico do mundo segundo a revista Forbes, só superado polo mexicano Carlos Slim e o estadounidense Bill Gates. 

A terceira fortuna do mundo contrata traballadores en condicións de explotación

A riqueza xerada polos milleiros de tendas das que dispón Inditex espalladas por todo o mundo, contrasta coas condicións laborais nas que se atopan as traballadoras e traballadores da transnacional, non só nos seus talleres e estabelecementos comerciais, senón tamén nas obras de abertura e remodelación das sedes de Zara. 

Desta maneira e como deu a coñecer no noso país Sermos Galiza, máis de 50 operarios que traballaban na construción dunha nova tenda en Zurich denunciaron as condicións de explotación en que se atopaban. Neste senso, unha das filiais de Inditex, con sede en Arteixo, Goa Invest --participada ao 100% pola transnacional do téxtil-- obrigaba os operarios a se rexeren por condicións laborais que incumpren a lexislación e convenios suízos

Após dúas semanas de paro e de fortes presións por parte do sindicato Unia, os operarios conseguiron que lles pagasen os salarios adebedados e recuperaren as condicións de traballo que lles pertencen por dereito de acordo coa normativa vixente en Suíza.

Comentarios