Amancio Ortega ingresa hoxe 650 millóns de euros

Polo único dividendo que pagará Inditex este ano.

O multimillonario Amancio Ortega. (Foto: Europa Press)
photo_camera Amancio Ortega.

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará hoxe, 2 de novembro, case 650 millóns de euros polo único dividendo que pagará o xigante téxtil este ano aos seus accionistas, un 60% menos que os 1.626 millóns percibidos en 2019 en dous pagamentos e nun contexto diferente ao actual.

En concreto, Inditex repartirá entre os seus accionistas case 1.090,82 millóns de euros en concepto de dividendos, dos que Ortega ingresará 646,8 millóns.

A compañía gañou 3.639 millóns en 2019, un 6% máis

Así, o grupo afrontará este ano a retribución ao accionista cun único pago, a razón de 0,35 euros por título, con cargo aos resultados do seu exercicio fiscal 2019 nun contexto marcado pola crise sanitaria do Covid-19.

No entanto, a política de dividendos da compañía, que gañou 3.639 millóns en 2019, un 6% máis após provisionar 287 millóns polo coronavirus, mantense intacta.

O pasado ano, Inditex abonou aos seus accionistas en concepto de dividendo máis de 2.742 millóns de euros, a razón de 0,88 euros por título, repartidos en dous pagamentos, maio e novembro, dos que Ortega, que posúe unha participación de case o 60% na compañía, ingresou 1.626,2 millóns de euros.

O fundador de Inditex, que recibirá os case 650 millóns de euros en dividendo a través das sociedades Pontegadea Investimentos e Partler, coas que controla un 59,294% do grupo téxtil, inviste parte dos dividendos que recibe de Inditex no sector inmobiliario.

Comentarios