Mentres a maioría social empobrece, Amancio Ortega só ten por diante a Slim e Bill Gates

Segundo a publicación Bloomberg, o dono de Inditex incrementou o seu patrimonio nun 63% converténdose no multimillonario máis "rendíbel" de 2012.
Amancio Ortega
photo_camera Amancio Ortega posúe un capital de 60.000 millóns de dólares

Nin o magnate norteamericano Warren Buffet --coñecido pola súa afamada cita "a loita de clases segue existindo e a miña vai gañando"-- puido resistir os envites do dono do maior imperio téxtil. Amancio Ortega sitúase segundo a publicación Bloomberg no terceiro posto do ranking das persoas máis ricas do mundo, superado tan só por Bill Gates e o empresario mexicano Carlos Slim.

A fortuna que amasa o dono do grupo Inditex ascende a perto de 60.000 millóns de dólares (algo máis de 43.000 millóns de euros) e incrementouse case nun 63% a respecto do seu patrimonio en 2011. Os resultados obtidos pola empresa da cal aínda é o accionista maioritario e os beneficios recadados no último exercicio permitiron a Ortega acumular 22.000 millóns de euros no ano 2012, a poucos miles de millóns do segundo e primeiro posto do ranking.

As SICAV, un negocio para a fraude
O patrimonio de Amancio Ortega está exento de tributos o que permite ao empresario xerar maiores rendementos co seu capital. Neste senso, a maior parte do diñeiro que posúe atópase investido nas denominadas SICAV (Sociedades de Investimento de Capital Variábel), unha figura financeira que permite ás grandes fortunas do mundo evadir o pagamento de impostos ao tributaren tan só o 1%. Malia as críticas recibidas, o executivo de Mariano Rajoy --xunto cos demais goberno europeos-- néganse a regular este tipo de sociedades e calan cando se propón o incremento de impostos ás grandes fortunas.

Fronte ao aumento xeneralizado de impostos que están a padecer as maiorías sociais --que asemade ven caer o seu poder adquisitivo verbo das reducións salariais-- Amancio Ortega e as 100 persoas que xunto a el compoñen a listaxe de persoas máis ricas do mundo incrementaron o seu patrimonio nun 15% o pasado ano. En troca, a Rede Galega contra a pobreza alerta do aumento xeralizado de persoas en risco de pobreza por mor das políticas de recortes e as reformas aprobadas polos sucesivos gobernos españois e galego. Neste senso sitúan a unha de cada catro persoas en risco de padeceren fame.

Comentarios