Amancio López coloniza o sector hoteleiro galego

Case sen facer ruido, o chantadino Amancio López, presidente do Grupo Hotusa, estendeu as redes do seu imperio pola súa terra natal. Nos últimos anos sumou á súa carteira hoteis emblemáticos como o Gran Hotel da Toxa. Vén de anunciar a incorporación do hotel Blue, na Coruña, á súa cadea Eurostars, que fai o número 16 en toda Galiza.
Amancio López Seijas, presidente do Grupo Hotusa.
photo_camera Amancio López Seijas, presidente do Grupo Hotusa.

Até hai uns anos podíase dicir que o empresario Amancio López (Chantada, 1955) non era un profeta na súa terra. Pero a situación mudou, e de que forma, nos anos 10 do presente século coa incorporación ao grupo que preside, Hotusa, de máis de media ducia de estabelecementos hoteleiros de catro e cinco estrelas na Galiza.

A derradeira anunciouna esta mesma semana. Trátase do hotel Blue, na Coruña, un catro estrelas que pasará a integrarse na estrutura da cadea Eurostars. É o segundo estabelecemento que incorpora na cidade herculina en pouco máis dun mes, após o antigo Tryp Coruña, xestionado até decembro pola cadena Meliá. Hotusa será a encargada de explotar este inmoble, adquirido pola socimi (sociedade cotizada anónima de investimento) Atom Hoteles, participada por Bankinter e GMA por 12,9 millóns de euros. O grupo levará a xestión do hotel, que será operado baixo a marca EXE, segundo o acordo alcanzado entre Atom Hoteles e o empresario galego.

Con este, son xa catro os hoteis que controla o Grupo Hotusa na Coruña, que xunto con Compostela é a cidade que máis ten. Hai pouco máis de dous anos e medio só tiña o Eurostars Cidade da Coruña, no barrio de Durmideiras, pero en 2018 a situación mudou. A firma gañou o concurso municipal para xestionar o histórico Hotel Atlántico. Agora xa oferta máis de medio milleiro de camas na cidade. 

En 2018 foi tamén cando Hotusa fíxose coa propiedade doutros estabelecementos moi representativos dentro do sector na Galiza, como son o Gran Hotel da Toxa e o Illa da Toxa, ambos operados baixo a marca Eurostars desde 2015. Daquela, aínda eran propiedade do xa extinto Banco Pastor. No 2018, o Popular, herdeiro dos seus bens, vendeullos a Amancio López, que aspira a convertelos nun lugar para encontros de alto nivel, como deixou claro na celebración do Foro Vínculo Atlántico, no que participaron entre outros os ex presidentes do Goberno español Mariano Rajoy, compañeiro de escola e íntimo de López Seixas, e Felipe González.   

Hoteis por toda Galiza 

Os outros dez hoteis repártense por toda Galiza. En Santiago, o Araguaney está desde 2012 baixo a súa xestión. Dous anos despois, en 2014, fíxose co Gran Hotel de Santiago en propiedade. Estes dous, xunto co hotel San Lázaro, están operados pola cadea Eurostars. Con EXE leva o hotel de Área Central.

Pontevedra e Ferrol son as únicas prazas fortes que lle quedan por cubrir ao Grupo Hotusa. En Vigo unicamente xestiona o Eurostars Mar de Vigo e, en Ourense, o Eurostars Auriense, aínda que non moi lonxe de aló está o Eurostars Monumento Monasterio de San Clodio, outra das xoias da compañía na Galiza, xunto co Erostars Pazo de Sober, moi preto de Monforte, que se sumou á carteira de estabelecementos o pasado mes de xullo. Completan a lista o Eursostars Gran Hotel de Lugo e, na  mesma cidade, o Puerta de San Pedro, explotado pola cadea EXE.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios