Novo máximo histórico: a alza dos carburantes deixa sen efecto 75% dos descontos

20% das gasolineiras tiñan xa en 2021 risco de impagamento.
A suba da gasolina contrasta coa baixada do diésel. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A suba da gasolina contrasta coa baixada do diésel. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O prezo medio da gasolina tocou esta semana un novo máximo histórico, ao situarse nos 1,968 euros por litro (+1,44%), segundo datos do Boletín Petroleiro da Unión Europea.

Trátase da sexta suba seguida desde a Semana Santa que deixa o prezo só cinco céntimos máis barato que na última semana de marzo, antes de que se comezará a aplicar o desconto de 20 céntimos por litro aprobado polo Goberno español. Así as cousas, o encarecemento rexistrado por este carburante desde entón absorbeu xa 75% da axuda estatal.

No caso do diésel, o prezo medio do litro, ao contrario que a gasolina, volveu baixar por terceira semana seguida, até situarse nos 1,852 euros (-0,8%). Así, ao aplicar a rebaixa dos 20 céntimos por litro, o seu importe sería 18,5 céntimos menor que a finais de marzo.

Con respecto aos valores de hai un ano, o prezo medio do litro de gasolina encareceuse 48,4%, mentres o gasóleo é 56,5% máis caro, tamén sen ter en conta a bonificación vixente.

Risco de impagamento

A pesar da alza nos prezos, Iberinform Crédito e Caución alertou esta quinta feira de que 20% das gasolineiras atópase en niveis elevados ou máximos de risco de falta de pagamento, fronte a 60% que presenta valores baixos ou mínimos.

En concreto, o peor comportamento financeiro rexístrase entre as gasolineiras fundadas na última década, nas que o risco elévase até 29% das empresas.

A análise das contas presentadas polas gasolineiras mostra a realidade dun sector que traballa cun prazo medio de aprovisionamento de 13 días e que, desde 2016, presenta unha marxe de vendas lixeiramente por riba de 2%.

Con todo, o informe apunta que os datos sacados da información rexistral, aínda non recollen o impacto da evolución do sector en 2022, marcada polo incremento de prezos.

comentarios