martes 07/12/21

O alugueiro de predios do Banco de Terras crece 17% na primeira metade do ano

Este mecanismo, posto en marcha durante o Goberno bipartito, conta agora coa defensa do Partido Popular como "instrumento público de intermediación na mobilización da terra agraria" no marco da nova lei de terras, aprobado o pasado 22 de maio.
(Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Un veciño do Corgo, na comarca de Lugo, estende esterco no seu predio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Un total de 400 parcelas do Banco de Terras foron alugadas no primeiro semestre deste ano. En total, arredor de 220 hectáreas, o que supón un incremento de 17% a respecto do mesmo período de 2020.

Segundo datos da Consellería do Medio Rural, este aumento "indica a importancia dos novos instrumentos" para a mobilización de terras, dado que supera o crecemento de entre 5% e 7% que se produciu en anos anteriores no primeiros seis meses do ano.

Aínda que "é pronto" para avaliar a súa repercusión, este departamento destaca que a Lei de recuperación de terra agraria "xerou unhas boas expectativas para a mobilización de terreos", ao se percibir "unha paulatina e progresiva dinamización" do Banco de Terras.

Así, ferramentas contempladas na lei, como aldeas modelo, polígonos agroforestais e agrupacións de xestión "contribuirán a cimentar esa positiva evolución", valora Medio Rural.

Novas parcelas

Pola súa banda, a incorporación de parcelas ao Banco de Terras "avanza francamente ben". No principio do ano figuraban 12.134 parcelas xestionadas por este instrumento integrado na Axencia  Galega de Desenvolvermento Rural, que se incrementaron ata as 12.530 parcelas a mediados de mes de xullo.

A suma das hectáreas dipoñíbeis ascende até as 6.315, unhas 280 hectáreas máis que a comezos de ano. Case todas corresponden con novas figuras de recuperación, fundamentalmente aldeas modelo, en comarcas do interior de Ourense e Lugo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Banco de Terras

O Banco de Terras é un dos instrumentos previstos na Lei de recuperación da terra agraria aprobada en solitario polo PP no mes de maio, cos votos en contra do BNG e a abstención do PSdeG.

Porén, esta iniciativa viu a luz hai máis dunha década, a proposta da Consellaría de Medio Rural do Goberno bipartito dirixida por Alfredo Suárez Canal. Na campaña das eleccións galegas de 2009, o Partido Popular converteuna en albo central das súas críticas, chegando a cualificalo como "unha sovietización encuberta" e unha vía para privar a cidadanía da propiedade das súas terras.

Doce anos despois os populares defenden na súa proposta lexislativa "reforzar o papel do Banco de Terras" como "instrumento público de intermediación na mobilización da terra agraria", definíndoo como “figura fundamental para o desenvolvemento dos novos instrumentos de recuperación da terra agraria”, un dos principais problemas aos que se enfronta o sector agrícola no territorio galego.

O alugueiro de predios do Banco de Terras crece 17% na primeira metade do ano
comentarios