Alta tecnoloxía con epicentro en Galiza

A empresa Prosistemas presenta o seu novo sistema de aplicación a pavimentos, con equipos de alta planimetría, nunha xornada que contou coa asistencia do conselleiro de Industria.

prosistemas conselleiro

En cuestión de pavimentos de alta planimetría, Galiza está nunha posición de liderato, unha situación derivada de posuír unha empresa líder neste campo, a porriñesa Prosistemas, firma avalada polos dous Golden Trowel Awards recibidos, en 2014 e 2016, outorgados aos mellores pavimentos en alta planimetría. A empresa abriu as súas portas para ensinar un novo sistema de aplicación en pavementos, unha nova liña de negocio desenvolta en colaboración coa Universidade de Vigo, un exemplo de como a transferencia de coñecemento dos centros de investigación permite avanzar ao tecido empresarial.

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, incidiu en que a aposta pola innovación é a clave para que as empresas galegas sexan competitivas a nivel global e puxo como exemplo Prosistemas. O director xeral desta empresa, Eusebio Rey, explicou que a "Alta Planimetría consiste en facer un chan liso como un cristal -planicidade- e que á vez sexa tan horizontal (nivelación) que en calquera punto do pavimento se puidesen levantar columnas interminábeis perpendiculares ao chan e que sempre estivesen paralelas". Un traballo que require coñecementos, profersionalidade, experiencia e exixe unha forte aposta en I+D+i.

Nunha recente entrevista en Sermos Galiza, Rey Cachafeiro indicaba que os recñecementos obtidos eran "un plus de motivación e ilusión para seguir perfeccionándonos. Isto tamén demostra que as empresas galegas por si soas poden contribuír a xerar riqueza en Galicia, e erguer a auto estima do país, sendo líderes mundiais. Somos unha mostra de ata onde podemos chegar, ao mesmo nivel das empresas estadounidenses".

Comentarios