Alimentos Lácteos sae a subasta por 1 millón de euros

En total acumulou perdas por valor de 18 millóns de euros en tres anos, a maior parte procedentes de fondos públicos. 

Alimentos Lácteos
photo_camera Faixa pendurada nos arredores da factoría en Outeiro de Rei

Alimentos Lácteos sae a subasta após meses de incertezas. A factoría de Outeiro de Rei (Lugo) creada pola Xunta de Núñez Feijóo en colaboración con dúas cooperativas xestionadas por militantes do PP, será subasta nos vindeiros meses a prezo de saldo. 

A poxa iniciarase nun millón de euros. Un valor que non chega nin de perto a cubrir as perdas acumuladas pola empresa nos últimos tres anos.

Neste senso, Alimentos Lácteos posúe un pasivo a día de hoxe que ascende a 18 millóns de euros --na súa maior parte procedentes de entidades e órganos públicos. A factoría debe facer fronte aos impagos ao plantel de traballador@s e ás explotacións gandeiras que suministraron até o momento leite á factoría. 

Así, a administración galega perdeu 4.262.930 euros da empresa pública de capital de risco, Xesgalicia; 2.062.800 euros procedentes do IGAPE; 137.980 euros da Axencia Tributaria e 7.425 euros da Xunta. Aliás, o capital restante procede de acredores privados entre os que se atopan o Banco Pastor, NGB e o BBVA. 

Bonificacións pola recolocación de traballador@s
O prego da subasta recolle posíbeis descontos á empresa compradora de se comprometer a recolocar @s traballador@s da factoria --atinxid@s por un ERE de extinción mercantil. Neste senso, contempla reducións de 3.000 euros por recolocación se contrata de novo a entre 1 e 10 empregad@s (dun total de 81 d@s que actualmente fican 79). No entanto, o administrador concursal salienta que estas deducións poderán incrementarse de se producir a recolocación total do plantel. 

O prezo total de saíde é de 1.250.000 euros.

Comentarios