Alimentos Lácteos da o último paso cara ao peche após ser desafiuzada por Pascual

O administrador concursal investiga irregularidades nas contas e sinala aos xerentes, ex tenentes de alcalde do PP. A liquidación da empresa galega levaría consigo a centos de gandeiros galegos, que vendían o leite a cambio de pagarés. 

Alimentos Lácteos
photo_camera Alimentos Lácteos

Alimentos Lácteos, que entrou en concurso de acreedores en maio deste ano e acumula unha débeda de 10 millóns de euros, achégase ao peche definitivo. A empresa Pascual, un dos seus principais acreedores, comezou as xestión para desafiuzar ao grupo lácteo galego creado en 2010 da fábrica de Outeiro de Rei, en Lugo. 

Pascual executou a claúsula para dar por rematado o contrato de alugamento, decisión que foi comunicada ao administrador concursal. As e os 81 traballores de Alimentos Lácteos agardan xa un segundo ERE polo parón da fábrica nos últimos meses. O futuro da empresa, formada por once cooperativas e creada polo anterior conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, pende dun fío.

O informe do administrador concursal revela ademais presuntas “irregularidades” nas contas, que están a ser investigadas, durante os tres primeiros anos de existencia. As sospeitas apuntan aos xestores da compañía galega, Eugenio Montero e Arcadio López, ambos ex tenentes de alcalde polo PP.

Coa factoría parada e ao bordo da liquidación, a Xunta intensificou as negociacións para que Feiraco rescate o proxecto. Mais o persoal teme que o único interese da leiteira sexa quedar coas marcas Deleite e Muu, as principais que se producen en Outeiro de Rei, e non manter os seus postos de traballo. O peche de Alimentos Lácteos levaría consigo a centos de gandeiros galegos, que vendían o leite a cambio de pagarés. 

Comentarios