A Alianza Rural Galega rexeita a Lei do Solo do PP que ve ''residual'' o 90% do territorio

O texto en que traballa a Xunta aposta máis unha vez no mesmo modelo urbanístico que provocou a burbulla inmobiliaria e concede a mesma importancia aos aproveitamentos mineiros que a aqueloutros agrogandeiros, garantes do dereito á soberanía alimentar.

alianzarural
photo_camera [Imaxe: arquivo SG]


A Alianza Rural Galega rexeita a nova Lei do Solo en que traballa a Xunta de Galiza ao entender que "ningunea" o rural galego ao considerar "residual" o 90% que constitúe esa superficie.

Aliás, o colectivo do cal fan parte Adega, CIG, Fruga e a Organización de Comunidades de Montes en Man Común consideran que a norma "consagra a discrecionalidade" e aposta máis unha vez no modelo urbanístico "que provocou a burbulla inmobiliaria". 

Cancela aberta á megaminaría, aos cultivos enerxéticos e á especulación

Segundo sinalaron durante a súa intervención na comisión da lei do solo que se desenvolveu no Parlamento galego, o texto non planifica un ordenamento sustentábel do territorio e supón "unha importante regresión" a respeito do marco normativo vixente na actualidade, a Lei 9/2002, ao vascular cara aos usos urbanísticos e deixar aberta a cancela para a megaminaría, os cultivos enerxéticos e a especulación urbanística.

A Alianza Rural Galega estima que o PP non está a valorizar a "multiplicidade" de usos produtivos nin o "importante" patrimonio rural que si recoñece a Lei 9/2002.

Moi ao contrario, o texto que pretende aprobar a Xunta "sitúa nun mesmo plano determinados usos do territorio que non teñen a mesma repercusión sobre o medio e os seus habitantes", como os aproveitamentos mineiros, ao mesmo nível que aqueloutros agrogandeiros e florestais, obviando a función social, fixadora de poboación e garante do dereito á soberanía alimentar que os dous últimos desenvolven.

Comentarios