Que modelo enerxético precisamos?

Algunhas propostas en chave galega para transformar o sistema eléctrico

Adrián Dios, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, amplía o foro de debates 'Que modelo enerxético precisamos?', organizado por 'Nós Diario' co gallo do décimo aniversario da súa empresa editora, Sermos Galiza.
O panorama enerxético galego, e non só eléctrico, vai mudar enormemente na vindeira década. (Ilustración: Álex Rozados).
photo_camera O panorama enerxético galego, e non só eléctrico, vai mudar enormemente na vindeira década. (Ilustración: Álex Rozados).

En condicións normais as cuestións enerxéticas tenden a ser centrais en calquera política económica. En momentos extraordinarios, vólvense absolutamente fundamentais para a evolución económica xeral. Actualmente vivimos un destes momentos críticos, porque a resposta á situación enerxética actual, ligada á inflación, determinará a evolución económica dos vindeiros anos. Estas liñas pretenden poñer sobre a mesa propostas co obxectivo de contribuír a mellorar o benestar xeral, dinamizar a economía galega e limitar o impacto ecolóxico do sector.

O urxente: os prezos eléctricos

Os últimos seis meses constataron o que algúns viñamos denunciando dende hai tempo: o actual sistema de fixación de prezos eléctrico, baseado no sistema marxinalista (a última unidade de electricidade vendida, a máis cara, fixa o prezo de toda a electricidade), non é eficiente, favorece os beneficios extraordinarios das empresas e impacta negativamente no tecido empresarial e na economía familiar. Até a Comisión Europea está falando de modificar o sistema, despois de activamente promocionalo dende as primeiras Directivas da materia no ano 1996. Pero non se trata só de poñer parches ao sistema marxinalista, senón que o correcto é facelo desaparecer: o sistema de fixación de prezos ten que estar baseado nos custos de produción, e non na decisión exclusiva das empresas produtoras.

 O sistema de fixación de prezos ten que estar baseado nos custos de produción

O certo é que este sistema non é novo, e foi característico de moitas economías europeas até os anos 90 (sen ir máis lonxe, no Estado español). Basicamente, do que se trata é de fixar prezos eléctricos coñecendo cal é o custo de produción que teñen as empresas, para evitar así beneficios extraordinarios. É dicir, transformar a actual regulación do mercado para que en lugar de beneficiar o oligopolio eléctrico beneficie o conxunto da sociedade: o benestar xeral está por riba do beneficio empresarial.
En segundo lugar, e para outorgarlle estabilidade ao sistema, é preciso fixar prezos máximos sobre o gas, que na actualidade só están favorecendo a especuladores financeiros á custa de empeorar as condicións de vida das maiorías sociais.

O xusto: os territorios produtores deben ter menores tarifas

Á primeira proposta hai que engadir outra reflexión: os territorios produtores deben ter prezos máis baixos que os territorios consumidores. En primeiro lugar por unha cuestión económica: os custos de transporte de electricidade non poden cargárselle a produtores e consumidores, senón que deben ser os territorios consumidores os que paguen esta cuestión. En segundo lugar, por unha cuestión medioambiental: a produción eléctrica ten impacto no territorio e é de xustiza que quen recibe ese impacto negativo teña algún tipo de compensación, que pode realizarse vía tarifaria.

Galiza tería así un menor prezo da electricidade (que en si mesmo é positivo), e algo aínda máis relevante: ese prezo sería máis baixo que territorios veciños, o que supón un factor de competitividade, xa que os menores custos enerxéticos poden supoñer un incentivo a que o tecido empresarial opere no noso territorio, atraendo industria.

O necesario: participación empresarial pública

Outro elemento que contribúe a xerar estabilidade no sector é a existencia de empresas públicas, xa que operan nos mercados enerxéticos baixo outros criterios, non exclusivamente sobre a maximización de beneficios. Polo tanto, en espirais especulativas as empresas públicas poden contribuír ao freo de prezos.

O debate da nacionalización sempre é polémico, aínda que nada raro no sector europeo: Francia fíxoo en 1946,  Reino Unido no ano 1947, Italia en 1962 ou Portugal en 1975. Sexa mediante nacionalizacións ou non, a existencia dunha (ou varias) empresas públicas no mercado eléctrico favorecería a estabilizar o sistema e permitiría que o Estado aumente os seus ingresos derivados dos beneficios empresariais, contribuíndo a mellorar os servizos públicos. O paradoxo actual é que a privatización de Endesa levou a que fose comprada por ENEL, empresa pública italiana, polo que os beneficios obtidos por Endesa nestes momentos contribúen a uns mellores servizos públicos... da poboación italiana.

O estratéxico: a transición enerxética

O panorama enerxético galego (non só eléctrico) vai mudar enormemente na vindeira década. Primeira necesidade: debe existir unha planificación enerxética non desenvolvida polas empresas privadas senón conxuntamente polos poderes públicos, co obxectivo de garantir o subministro eléctrico pero sen caer na burbulla dos macroproxectos, de enormes impactos medioambientais e escasa dinamización económica a longo prazo.

Segundo, esta transición debe basearse sobre a produción renovable, polo que a posición da Comisión Europea de pintar de verde as tecnoloxías de gas e nuclear é totalmente errada. Terceiro, o incremento de produción nun territorio como Galiza, que na actualidade exporta o 30% da electricidade que produce, ten que ser racional: autocentremos o debate sobre as nosas necesidades, e non sobre as necesidades doutros territorios.

Comentarios