Alemaña contra Europa, o artigo censurado por El País

Publicamos íntegro, traducido para o galego, o artigo escrito por Juan Torres López, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Sevilla, censurado por El País.

Censura en El País

O rotativo madrileño retirou o artigo da súa web após aparecer impreso na súa edición andaluza. El País explicou nun comunicado que o contido do texto era "inapropriado". Atribúe a publicación do artigo na edición andaluza do xornal a un "erro de supervisión". Ou sexa, fallou a censura en primeira instancia. A tese que defende Torres López é que Alemaña lle ten declarado a guerra ao resto de Europa e que procura nela o mesmo que Hitler, espazo vital para a súa economía medrar.

ALEMAÑA CONTRA EUROPA

É moi significativo que habitualmente se fale de "castigo" para referirse ás medidas que Merkel e os seus ministros impoñen aos países máis afectados pola crise.

Din aos seus compatriotas que teñen que castigar a nosa irresponsabilidade para que o noso malgasto e as nosas débedas non as paguen agora os alemáns. Mais o razonamento é falso pois os irresponsábeis non foron os cidadáns aos que Merkel se empeña en castigar, senón os bancos alemáns a quen protexe e os doutros países aos que prestaron, eles si con irresponsabilidade, para obter gañancias multimillonarias.

Os grandes grupos económicos europeos conseguiron estabelecer un modelo de unión monetaria moi imperfecto e asimétrico que decontado reproduciu e agrandou as desigualdades orixinais entre as economías que o integraban. Aliás, grazas á súa enorme capacidade inversora e ao gran poder dos seus gobernos, as grandes compañías do norte lograron quedar con gran cantidade de empresas e até sectores enteiros dos países da periferia, como España. Iso provocou grandes déficits comerciais nestes últimos e superávit sobre todo en Alemaña e en menor medida noutros países.

Paralelamente, as políticas dos sucesivos gobernos alemáns concentraron aínda máis a renda no cume da pirámide social, o que aumentou o seu de por si alto nivel de aforro. De 1998 a 2008 a riqueza do 10% máis rico de Alemania pasou do 45% ao 53% do total, a do 40% seguinte do 46% ao 40% e a do 50% máis pobre do 4% ao 1%.

Merkel, como Hitler, declarou a guerra ao resto de Europa, agora para garantirse o seu espazo vital económico

Esas circunstancias puxeron a disposición dos bancos alemáns inxentes cantidades de diñeiro. Mais no canto de o dedicar a mellorar o mercado interno alemán e a situación dos niveis de renda máis baixos, usárono (uns 704.000 millóns de euros até 2009, segundo o Banco Internacional de Pagos) para financiar a débeda dos bancos irlandeses, a burbulla inmobiliaria española, o endebedamento das empresas gregas ou para especular, o que fixo que a débeda privada na periferia europea se disparase e que os bancos alemáns se enchesen de activos tóxicos (900.000 millóns de euros en 2009).

Ao estalar a crise resentíronse dun xeito grave, mais conseguiron que a súa insolvencia, no canto de se manifestar como o resultado da súa gran imprudencia e irresponsabilidade (á que nunca se refire Merkel), se apresentase como o resultado do malgasto e da débeda pública dos países onde estaban os bancos a quen prestaran. Os alemáns retiraron ás presas o seu diñeiro destes países, mais a débeda quedaba nos balances dos bancos debedores. Merkel erixiuse na defensora dos banqueiros alemáns e para axudarlles puxo en marcha dúas estratexias. Unha, os resgates, que venderon coma se estivesen dirixidos a salvar aos países, mais que en realidade consisten en darlle aos gobernos diñeiro en préstamos que pagan os cidadáns para o traspasar aos bancos nacionais para estes se recupereren canto antes e pagaren decontado aos alemáns. Outra, impedir que o BCE cortase de raíz os ataques especulativos contra a débeda da periferia para que, ao subir as primas de risco dos demais, baixase o custo con que se financia Alemaña

A actividade especulativa da banca alemá fixo que se enchese de activos tóxicos (900.000 millóns de euros en 2009)

Merkel, como Hitler, declarou a guerra ao resto de Europa, agora para garantirse o seu espazo vital económico. Castíganos para protexer ás súas grandes empresas e bancos e tamén para ocultar ante o seu electorado a vergoña dun modelo que fixo que o nivel de pobreza no seu país sexa o máis alto dos últimos 20 anos, que o 25% dos seus empregados gañe menos de 9,15 euros/hora, ou que á metade da súa poboación lle corresponda, como dixen, un miserábel 1% de toda a riqueza nacional.

A traxedia é a enorme connivencia entre os intereses financeiros paneuropeos que dominan os nosos gobernos, e que estes, no canto de nos defender con patriotismo e dignidade, nos traizoen para actuar como meras comparsas de Merkel.

Comentarios