Alcoa 'premia' os directivos que quixeron fechar San Cibrao

Recompénsaos polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE), agora xudicializado.
Traballadores de Alcoa en San Cibrao celebran a anulación do TSXG do ERE da empresa o pasado 17 de decembro (Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Traballadores de Alcoa en San Cibrao celebran a anulación do TSXG do ERE da empresa o pasado 17 de decembro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A multinacional Alcoa, propietaria da planta de aluminio primario e de alúmina de San Cibrao, no concello de Cervo, vén de aprobar no seu comité de retribucións un incentivo global para os seus directivos de máis de tres millóns de euros.

O máis rechamante desa proposta, remitida ao regulador do mercado de valores estadounidense (SEC), son as primas que perciben o director comercial e vicepresidente executivo, Timothy D. Reyes (472.420 dólares ─uns 395.000 euros ao cambio), e o tamén vicepresidente executivo e responsábel xurídico da multinacional, Jeffrey Heeter (406.586 dólares ─uns 340.000 euros), por, entre  outras cuestións, as súas xestións para o fechamento da fundición, de momento paralizado polas negociacións coa SEPI para a venda da mesma.

Segundo destaca o documento trasladado á SEC, "o equipo do señor Reyes fixo achegas fundamentais á carteira de proxectos de transformación de Alcoa, entre os que se inclúe o cesamento da fundición de Intalco, a decisión de desinvestir no negocio de laminación en Warrick Operations, ou as accións iniciadas na fundición de San Cibrao".

De Heeter, pola súa banda, resalta que "brindou apoio crítico a certas accións comerciais chave, incluídas as iniciadas na fundición de San Ciprián e para venda de activos non esenciais".

Os incentivos, que neste caso cobrarán por un traballo non rematado, coñécense en plenas negociacións entre a empresa e o Goberno español para a venda da planta de aluminio primario de San Cibrao. 

A pasada segunda feira, as partes notificaron ao comité de empresa e aos sindicatos que estaban á espera de que a SEPI aceptase a última proposta remitida por Alcoa. 

A este respecto, o presidente do comité de empresa en San Cibrao, José Antonio Zan, insistiu hoxe na necesidade de convocar unha xuntanza urxente co Goberno español e coa Xunta da Galiza para coñecer "as condicións propostas pola empresa" para a venda, "que eran moi parecidas ás de setembro, mais que xa non son as mesmas".

"Non podemos estar a esperar tanto tempo por coñecer esas condicións xerais, que teñen que chegar antes de Semana Santa", reivindicou o presidente do comité, que confía en que se poida alcanzar un acordo nos prazos fixados para a venda, antes do 30 de abril.

Comentarios