Alcoa volve poñer sobre a mesa a posibilidade de fechamento das súas factorías en Galiza

A dirección sinala o desplome de prezos polas exportacións chinesas como responsábeis dunhas dificultades que, de se manter, obrigaría a 'medidas drásticas'. No primeiro semestre os beneficios da multinacional foron de 220 millóns de euros.

A ameaza de feche volve situarse sobre as factorías de Alcoa en Galiza (A Coruña e San Cibrao). Desta volta a responsabilidade non deriva, como a finais de 2014, das subastas de enerxía bonificada; senón que sería, segundo a dirección da multinacional, de China. A crise que afecta a ese país provocou unha queda da demanda interna de metais, derivando isto en que os chineses puxéronse a exportar metais, tamén aluminio. As consecuencias: queda de prezos e de vendas de Alcoa.

Esta situación foi exposta polo presidente de Alcoa-España nunha recente xuntanza con representantes dos traballadores e traballadoras das factorías de San Cibrao, A Coruña e Aviles, prantas que dan emprego directa a unhas 1.200 persoas. Rubén Bartolomé recoñeceu que a situación actual é complicada e que de se manter obrigaría a avaliar medidas que non descartaban o fechamento de factorías.

No primeiro trimestre Alcoa obtivo uns beneficios de por volta de 190 millóns de euros, mentres que no segundo trimestre deste ano foron de 127 millóns. A multinacional puxo o ramo ao 2014 cuns beneficios que superaban os 250 millóns de euros.


 

Comentarios