Alcoa suma as súas alegacións contra o estatuto electrointensivo

Exixen ao Estado español a "máxima axuda" pública as empresas electrointensivas.
Alcoa en San Cibrao  [Imaxe: Cedida]
photo_camera Alcoa en San Cibrao [Imaxe: Cedida]

O comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo, que tiña preparadas desde o venres as alegacións ao novo estatuto para as empresas electrointensivas entregoullas onte ao Goberno central, o mesmo día no que as traballadoras mantiveron unha xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para abordar o seu futuro.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, confirmou que o venres pecharon estas alegacións que, ao igual que acontece no resto das presentadas polas industrias galegas, pivotan sobre o dióxido de carbono (CO2), por "fixar un marco estable no apoio" ás emisións. "É unha medida que ten a Unión Europea para evitar que as empresas se vaian do Estado español e do resto de países", explicou.

Así mesmo, Zan precisou que esa medida "é unha axuda ao imposto ao CO2, porque noutros países como Marrocos non teñen" estes tributos para reducir as emisións. "O que se carga ese imposto na produción fai que as empresas sexan menos competitivas", inferiu.

Por todo iso, o comité de empresa ambiciona a "máxima axuda", na mesma liña do que ocorre "en Francia e Alemaña, que apoian co máximo diñeiro público" estas partidas "para que as empresas sexan competitivas", recalcou Zan, após de abordar as posíbeis consecuencias da aplicación do estatuto nunha xuntanza con representantes de Comisións Obreiras e do comité da antiga factoría de Alcoa na Coruña.

Dentro dos prazos

O Estatuto Electrointensivo, cuxo prazo para presentar alegacións termina esta quinta feira, beneficiará a unhas 600 industrias con alto consumo eléctrico, ás que se bonificará  85% os cargos da súa factura, o que lles suporá un aforro conxunto duns 90 millóns de euros que, sumados ás compensacións por custes de CO2 (172 millóns o pasado ano), elevarán a máis de 262 millóns o apoio a estas industrias.

Comentarios