Malas novas para Alcoa, desta vez en forma de resultados. O grupo estadounidense vén de adiantar as cifras do exercicio 2019, no que a compañía rexistrou unas perdas superiores aos mil millóns de euros (1.125 millóns de dólares), que contrastan con 224 millóns de euros de beneficio que declarou o exercicio anterior.
Os custos de reestruturación lastran as contas da multinacional de Pittsburgh, cun impacto negativo de 924 millóns de euros. Os ingresos no exercicio descenderon 22%, até os 10.433 millóns de euros como consecuencia dos menores prezos do aluminio. Con todo, para o presente curso, a compañía prevé mellorar as cifras grazas a un incremento entre 1,4% e 2,4% da demanda de aluminio.
Tamén, para atallar os números vermellos, Alcoa anunciou en outubro unha revisión dos seus activos, incluíndo a venda dos no estratéxicos, así como avaliar as súas capacidades de produción. Esta mesma semana, o presidente da multinacional no Estado español visitou a planta galega de Cervo, onde anunciou unhas perdas de 80 millóns de euros en 2020. O emprego e a continuidade da factoría dependen de abaratar a factura eléctrica, para o que será clave a aprobación do estatuto das electrointensivas.
De Cervo a Madrid
O vindeiro 22 de xaneiro, o comité de empresa da planta de San Cibrao (Cervo) ten previsto levar as súas reivindicacións até o Ministerio de Transición Ecolóxica e ao Congreso dos Deputados para que,"dunha vez por todas se poña en marcha o marco estatutario para dar unha saída ás empresas electrointensivas e á industria deste país", sinalou o seu presidente, José Antonio Zan.
O presidente do comité lamentou a "decepción" de non contar co estatuto electrointensivo tras o primeiro Consello de Ministras, aínda que confía en que "saia cuanto antes, e se é bo terá valido a pena a espera".