Alcoa propón parar as cubas en San Cibrao para falar dun proceso de venda

O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, comunica por carta aos sindicatos que a multinacional estaría disposta a falar de vender a factoría, mais despois de hibernar as cubas. O comité de empresa posicionarase despois da marcha que terá lugar a sexta feira 17 de xullo na Coruña mentres a CIG fala de "irresponsabilidade" e de  "tomadura de pelo" ao posporse o debate da nacionalización. 
O presidente da Xunta, Feixoo, nunha reunión co presidente de Alcoa, Álvaro Dorado (Xunta/ Imaxe de arquivo)
photo_camera O presidente da Xunta, Feixoo, nunha reunión co presidente de Alcoa, Álvaro Dorado (Xunta/ Imaxe de arquivo)

Alcoa España respondeu por carta aos sindicatos e ao Goberno español sobre a posibilidade de vender a factoría de aluminio que ten en San Cibrao, Cervo. O seu presidente, Álvaro Dorado, asegura que "a día de hoxe" non hai propostas "concretas e realistas" ao expediente de regulación de emprego (ERE) que se está a negociar co comité de empresa. O escrito sinala que estarían dispostos a "explorar calquera alternativa ou propostas" que se expoñen, mais "nun escenario no que a planta de aluminio perde 1,2 millóns de euros á semana, a alternativa non pode ser consistir en esperar até que exista un marco enerxético competitivo e garantido". 

Vender si, mais parando as cubas da factoría

Dorado non nega, neste escrito, a posibilidade de venda da factoría e asegura que Alcoa "está disposta" a discutir un proceso de venda mais cre que non é "posíbel" que un investidor "poida lograr que a planta de aluminio sexa rendíbel". Por este motivo "falar" de venda "implicaría necesariamente unha hibernación ordenada das cubas".

Esa circunstancia é a que rexeitan desde o comité de empresa, que advirte que significaría "o fechamento da fábrica de aluminio". As cubas apagáronse por última vez en decembro de 1987 cando se trasladaron ás instalacións os produtos tóxicos que transportaba o buque 'Casón'. Daquela o reinicio da actividade tivo un custo de 20.000 millóns de pesetas (120 millóns de euros na actualidade).  

"Alcoa debería apartarse"

Desde o comité de empresa aínda non se valorou esta carta, mais sinalan que contan con ter unha reunión após participar na manifestación convocada na Coruña por CIG, CCOO e UXT en defensa das industrias electrointensivas a sexta feira 17 de xullo a partir das 18 horas, desde a sede da Xunta até a Delegación do Goberno español

Xosé Paleo, delegado da CIG en Alcoa San Cibrao, explica a Nós Diario que a multinacional "o que ten que facer é deixar as cubas funcionando e buscar un comprador" e no caso de non querer continuar "que se aparte". O sindicalista cre que o Estado "non debería consentir que a industria desapareza", polo que urxe que "a interveña ou a nacionalice".

Reaccións pola postura da Mesa do Congreso

Pospor a moción do BNG no Congreso das Deputadas na que se tiña que falar da nacionalización da factoría de San Cibrao non sentou nada ben entre o cadro de persoal da empresa e os seus sindicatos. "Pasaron as eleccións e estanse rindo de nós", afirma Paleo, "lembro cando dicían que sairía o Estatuto antes de conformar o Goberno, logo dixeron que sería no primeiro Consello de Ministras e Ministros e despois cando a empresa anunciou o ERE dixo que sería en breve e agora pode quedar para setembro", engade.

Para este sindicalista "é unha mostra máis de que ao Goberno estatal a comarca da Mariña quédalle moi lonxe, no estranxeiro" polo que cre que adiar esta posibilidade "é unha irresponsabilidade e unha tomadura de pelo" polo feito de que "non se vai montar nada alternativo". 

A situación actual da Mariña e do seu futuro é algo que preocupa tamén a Xosé Paleo. "A comarca acaba de saír dun confinamento que rompeu por completo a economía dos dous meses escasos que dura aquí o verán", relata, polo que "se lle sumamos que o motor da comarca di que non hai outra opción que parar as cubas, a tormenta é perfecta". Asegura que "o Goberno español ten que sacarnos desta crise" e non cre que poidan "vivir do turismo" se deixa de funcionar a fábrica de aluminio.

"Temos que xerar industria, xerar riqueza", asegura, "se non dependeremos de que a riqueza estea noutros países e queiran vir a aquí a gastala, algo que agora coa pandemia vemos que é xogar á ruleta rusa".

Comentarios