Alcoa prepara a súa saída do Estado

As próximas semanas serán decisivas para o complexo alumineiro de San Cibrao (Cervo). Mentres dan por feito a intención da dirección de Alcoa de desmantelar a factoría, as traballadoras e traballadores preparan novas protestas coa vista posta na importante xuntanza da cuarta feira cos Gobernos galego e estatal.
Fabrica de Alcoa na localidade de San Cibrao (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fabrica de Alcoa na localidade de San Cibrao (Foto: Nós Diario).

"Alcoa prepara a súa saída de San Cibrao". Quen así falaba era o responsábel de Industria de CCOO, Agustín Martín, nunha comparecencia no Congreso dos Deputados a semana pasada. "Alcoa non fixo investimentos nos últimos anos. Dilapidouno todo. Estiven reunido co presidente de Alcoa hai unha semana e non van seguir operando aínda que se lles regale a electricidade. É unha decisión de grupo", afirmaba o dirixente sindical, convencido de que a multinacional ten pensado intervir no mercado do Estado español a través da súa filial en Arabia Saudita.

A opinión de Martín é partillada polo comité de empresa da factoría de San Cibrao. Segundo as fontes sindicais consultadas por Nós Diario, "Alcoa non quere seguir, polo que calquera estratexia de futuro para a fábrica de San Cibrao pasa por apartar a actual propietaria da xestión da planta. A súa folla de ruta é de libro, pretenden realizar un feche das diferentes unidades de produción por fases, coa intención de dividirnos e que a nosa capacidade de resposta sexa menor. Agora comezan por electrólises, eléctrodos e anexos en aluminio pero despois vai ser alumina, cuxo futuro está condicionado á clausura da balsa de lodos fixada para 2023".

Produción en Arabia Saudita

A deslocalización da produción a Arabia Saudita ten condicionada a situación da factoría de San Cibrao. Desde a representación sindical consideran que "os problemas para San Cibrao comezaron cando Alcoa arrancou á volta de 2014 a súa planta en Arabia Saudita. Un complexo que concentra a produción de aluminio primario, a fabricación de alumina así como outras actividades asociadas, cuns gastos enerxéticos practicamente nulos e cunha man de obra moi barata. Desde aquela, a empresa empezou a desfacerse de activos no resto do mundo, ao reducir o mantemento en San Cibrao e ao negarse a acometer novos investimentos".

A ausencia de novos investimentos na factoría de San Cibrao contrasta coa composición do seu cadro de persoal. As prexubilacións postas en marcha pola compañía así como a aprobación dos contratos de relevos recollidos nos convenios colectivos provocaron un anovamento das traballadoras e traballadores, cuxa idade media se sitúa entre 30 e 35 anos. Os cadros de persoal son aínda máis novos nas empresas auxiliares, algunhas das cales actúan como canteira de operarias e operarios para a matriz. Nalgunhas das mesmas sitúase por baixo de 30 anos. A idade das empregadas do complexo alumineiro dá conta do impacto, tamén, no plano demográfico desta decisión. 

O futuro non pasa por Alcoa

O futuro da factoría de San Cibrao non pasa por Alcoa. A totalidade das organizacións sindicais que fan parte do comité de empresa, mais tamén da Plataforma coordinadora das empresas auxiliares de Alcoa, teñen a certeza da vontade da multinacional de abandonar San Cibrao e da necesidade da súa nacionalización como única posibilidade para garantir o emprego. Así o ten expresado a representación sindical nas súas diversas posicións públicas e así o teñen reclamado nas súas protestas os traballadores, de maneira moi significada na masiva manifestación que decorreu o domingo en Ribadeo, onde barricadas de pneumáticos cortaron a ponte dos Santos.

Mañá terá lugar o primeiro cara a cara entre os traballadores, o Goberno galego e o estatal. Malia que a reunión xa estaba fixada con anterioridade ao anuncio de Alcoa de prescindir de máis de 800 empregados na súa factoría de San Cibrao, a representación sindical agarda coñecer de primeira man a opinión das Administracións ás súas reivindicacións e a disposición dos Executivos a buscar unha solución para o emprego. "As sensacións destes primeiros días non son as mellores", sinalan fontes do comité de empresa a Nós Diario, mentres lamentan que "nin desde o Goberno de Madrid nin desde a Xunta ofrecesen alternativas".

As esperanzas dos traballadores do complexo de San Cibrao están cifradas nunha solución política. Neste liña critican que a Xunta e o Goberno do Estado empreguen a situación para a lea política e eludan as súas responsabilidades como Administracións con competencias na materia e obrigadas a ofreceren alternativas. Ao tempo agardan unha presión firme dos dirixentes de Galicia en Común e do PSdeG aos seus compañeiros do Executivo para que este proceda á nacionalización da planta, conscientes que a súa marxe de manobra vai ser moito menor unha vez pasen os vindeiros comicios galegos. 

Comentarios