Alcoa 'planta' a mesa multilateral, na que Ministerio, comité e Xunta acordan traballar para que a venda "sexa efectiva"

A multinacional non asistiu á xuntanza convocada polo Goberno español.

O director de Alcoa España, Rubén Bartolomé González, chegando á reunión en Lugo co comité de empresa de San Cibrao (Carlos Castro/ Europa Press).
photo_camera O director de Alcoa España, Rubén Bartolomé González, chegando a unha xuntanza anterior (Carlos Castro/ Europa Press).

Alcoa non asistiu á mesa multilateral convocada polo Goberno español na tarde desta cuarta feira para tentar desbloquear a situación despois de que a multinacional non chegase a acordo co comité unha vez finalizado o período de consultas do ERE.

Unha vez terminado o encontro -que se realizou de forma telemática -, nun comunicado conxunto, Ministerio de Industria, Xunta e sindicatos CIG, CCOO e UXT mostraron "o seu compromiso de seguir traballando desde a unidade para lograr que o proceso de compravenda da planta de Alcoa San Cibrao teña as certezas necesarias para que dita operación sexa efectiva".

O comité de Alcoa defende unha prórroga do período de consultas de 6 semanas

"Todas as partes entenden que esta é a mellor maneira de garantir tanto o mantemento da actividade industrial como dos postos de traballo na comarca da Mariña", aseguran no escrito.

Así mesmo, Ministerio, Xunta e sindicatos mostran "de maneira conxunta o seu apoio ao comité de empresa".

Despois dunhas 30 horas de reunión –terza e cuarta feira-- entre a dirección de Alcoa e comité non se alcanzou un acordo tendo en conta que esta cuarta feira expirou o prazo de negociación do despedimento colectivo de 534 empregados da planta de aluminio da Mariña.

Comité e Alcoa citáronse de novo hoxe --a partir das 10,00 horas en Lugo-- sen que se asinasen aínda as actas finais de consultas do ERE.

A multinacional estadounidense insiste en parar as cubas e no despedimento, mentres os traballadores piden que atenda a oferta de Liberty House para facerse co complexo da Mariña.

Mentres, a Xunta avisou a multinacional de que pode incorrer en fraude de lei se non desiste do ERE e senta a negociar co socio industrial.

Comentarios