mércores 21/10/20

Alcoa insiste en enquistar unha venda que os directivos de Liberty ven factíbel

O responsábel de Alcoa en España, Álvaro Dorado, emitiu un comunicado no que non consideraba realista a posibilidade de venda en tempo da planta de San Cibrao, unha postura que comeza a molestar tanto as administracións como os sindicatos, que exixen unha mesa de mediación.
Os traballadores de Alcoa, expectantes ante a posibilidade de que non haxa acordo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os traballadores de Alcoa, expectantes ante a posibilidade de que non haxa acordo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A pouco máis de tres días para que venza o prazo marcado entre Alcoa e Liberty House para fechar un acordo de venda da planta de aluminio primario de San Cibrao, as posturas seguen enquistadas, mais a tensión vai cobrando intensidade. E todo pola negativa de Alcoa a ceder nas súas pretensións, o que comeza a xerar inquedanzas tanto na Xunta como no Goberno español, que xa comezan a evidenciar o seu malestar coa posición defendida pola multinacional norteamericana. 

Esta terza feira, o presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, afirmou que "non é realista pensar que se poida asinar un acordo de venda" da planta de en Cervo antes do 27 de setembro, "dadas as demoras e as demandas non razoábeis de GFG (grupo propietario de Liberty)".

Segundo relata o directivo nun comunicado, "semella que GFG non está interesada en adquirir a planta de aluminio, a menos que tamén poida obter o control da refinaría de alúmina, asegurarse a subministración de alúmina en termos pouco realistas e evitar comprometer os seus propios fondos para o futuro da planta de aluminio", mentres que, di, Alcoa está a negociar "de boa fe durante todo o proceso". 

Urxen a mediación

Porén, nin Xunta nin Goberno español nin sindicatos comparten esta visión. O presidente do comité, José Antonio Zan, cre que Alcoa "segue inamovíbel" na súa postura e que actúa "de mala fe" para esgotar os prazos e seguir adiante co seu plan de fechamento das instalacións.

Desde a CIG, o secretario xeral Paulo Carril lembra que cando Alcoa se fixo co complexo de San Cibrao "tivo todas as facilidades e viu satisfeitas as súas reclamacións sobre garantías industriais, prezos da enerxía e demais, polo que non pode exixir agora unhas condicións que non tivo cando aterrou no Estado español". "A hipótese da venda aquí é posíbel. É máis difícil de xustificar unha non venda que unha venda, por tanto entendemos que todos os obstáculos son perfectamente salvábeis", engade o responsábel sindical.

O propio Carril explica a Nós Diario que na reunión da denominada Mesa de Alcoa, na que están presentes empresa, Ministerio de Industria, Xunta e representantes do comité, o Goberno español lamentou que Alcoa estea a dar por fechada a operación de venda antes de que finalice o prazo estipulado para un acordo e que non se aveña a ningún tipo de camiño de mediación ou de procura dunha solución, unha posición que foi subscrita polo Executivo galego.

Precisamente, o comité exixiu convocar "de inmediato" unha reunión de mediación para buscar unha saída e evitar que Alcoa "se saia coa súa"

Xunto a esa vía, na CIG seguen a defender a intervención pública, "a nacionalización é fundamental", apunta Carril, que sinala que o Goberno e a Xunta "levan atrasando a adopción de medidas necesarias no suposto dun fracaso desta negociación. E canto máis se tarde en dar ese paso, máis tardaremos en resituar o conflito e evitar a parada das cubas", advirte. 

Optimismo en Liberty

Mentres a empresa, os traballadores e as administracións ven cada vez máis improbábel a materialización da operación  de venda, Sanjeev Gupta, o propietario de GFG Alliance, grupo no que se integra Liberty, recoñecía nunha entrevista publicada en Business India o pasado 20 de setembro que tiñan unha operación "a punto de fechar" no Estado español.

Nesa mesma entrevista, na que daba conta dos plans de expansión da empresa, Gupta detallou a súa estratexia. "Apoiamos a industria e apoiamos o emprego. Nos países desenvolvidos onde as industrias están en declive e a xente non está disposta a investir, presentamos aos gobernos un plan de xiro factíbel. Ofrecemos unha oportunidade a traballadores cualificados nestes países. A nosa crenza é devolver a industria ás nacións desenvolvidas e ofrecer un xeito máis sostíbel de reestruturar as empresas".

No caso da planta galega, todo vai depender de se Alcoa atende a razóns e abandona o bloqueo á venda ou, pola contra, segue adiante coa destrución de medio milleiro de empregos na Galiza.

comentarios