Despedimento colectivo dos traballadores das factorías coruñesa e de Avilés

Alcoa anuncia o fechamento da súa planta da Coruña

Tamén fecharía a de Avilés. A multinacional mantería a de San Cibrao. Na factoría coruñesa traballan por volta de 400 persoas e na asturiana, unhas 300. O persoal inicia as mobilizacións contra a decisión: na Coruña concéntranse para impedir a a entrada de camións con materia prima.

alcoa imaxe. En Marea

Os peores prognósticos semellan que van cumprirse: a multinacional Alcoa anunciou o fechamento de dúas das súas tres plantas no Estado español, a da Coruña e Avilés. Seguirá unicamente a de San Cibrao, na Mariña.  A da Coruña ten un cadro de persoal de 400 traballadores e traballadoras e a de Avilés por volta de 300. A de Sam Cibrao, que en principio non se ve afectada por esta decisión, 1.200.  A noticia trasladoulla a dirección aos comités das tres factorías, coas que mantén unha xuntanza nesta cuarta feira.

O principal argumento de Alcoa é o elevado prezo da eletricidade, que se disparou nestes meses até facer dificilmente competitivo o negocio, afirman. A factura enerxético supón 50% dos seus custos de produción.

Juan C. López Corbacho, presidente do comité de Alcoa Coruña sinala a "inacción da Xunta"

O presidente de Asturies, Javier Fernández, xa notificou á multinacional o seu rexeitamento ao feche da planta asturiana de Avilés. Fernández tamén ofreceu a Núñez Feixoo colaboración para evitar que se clausuren as factorías da Coruña e Avilés. O presidente galego dixo que o fechamento era unha "moi mala noticia".

Despedimento colectivo

Juan C. López Corbacho, presidente do comité de empresa da planta da Coruña, manifestou ao trascender a noticia que o fechamento irá acompañado de despedimento colectivo para os operarios de ambas as dúas factorías. "Non partillamos as causas que alega a empresa", manifestou, ao tempo que denunciaba a "inacción da Xunta" e lembraba que desde 2011 o persoal de Alcoa Coruña estaba mobilizándose na defensa dos emrpregos e a factoría. 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anuncia a convocatoria dun pleno extraordinario

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, xa anunciou a través das redes sociais que se pon a disposición "do cadro de persoal de Alcoa para facer fronte común en defensa do emprego e pola continuidade da actividade da planta". Anunciou que esta quinta feira convocará os portavoces grupos municipais para realizar, "canto antes", un Pleno extraordinario.

Desde o BNG e a través da súa portavoz Ana Pontón piden presidente da Xunta quen "non deixe pasar nin un minuto sen poñerse á fronte dunha negociación coa empresa para evitar o peche e garantir a totalidade do emprego". A nacionalista considera que "é un disparate que se vete á tarifa eléctrica galega mentres hai empresas nas que perigan centos de postos de traballo polo prezo da electricidade”.

Ana Pontón: "É un disparate que se vete á tarifa eléctrica galega mentres hai empresas nas que perigan centos de postos de traballo polo prezo da electricidade”

Yolanda Díaz e Antom Gómez-Reino (En Marea) coincidiron en mostrar a súa preocupación olla deisión e en anunciar que peidrán ao goberno español que tome cartas. 

Negocio

Alcoa comprou á Sociedade estatal de participacións industriais (Sepi) en 1998 varias plantas, entre elas as 2 galegas, pagando menos de 400 millóns de euros. Hai 20 anos. Desde entón, como sinalan os sindicatos, os beneficios xerados polas factorías galegas foron de centos de millóns de euros, que marcharon sen reverter no país. A filial española de Alcoa ingresa uns mil millóns de euros anuais. O 2015 non foi un bo ano para Alcoa, que rexistrou perdas (112 millóns de euros) Mais os exercicios anteriores deixaron importantes beneficios: Perto de 250 millóns de euros en 2014, máis de 110 millóns en 2013, en 2012 o gaño foi de 146 millóns de euros....

En 2016 desde representantes sindicais lembraban que que desde 1998 a 2011 a compañía gañou perto de 1.500 millóns de euros. Os operarios da Coruña lembran que en 2011, cuns beneficios sobre a mesa de máis de 400 millóns de euros, a dirección presentou un expediente de regulación de emprego (ERE).

Comentarios