Alcoa ameaza coa aplicación dun despedimento colectivo permanente se non hai acordo para un ERTE

Reproba que as propostas do Goberno "tamén inclúen cuestións que impiden chegar a un acordo en condicións comerciais razoables"

 

Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).
photo_camera Instalacións de Alcoa en San Cibrao (Cervo).

Alcoa advirte coa aplicación dun despedimento colectivo permanente que afectaría aos 534 postos de traballo da planta de aluminio de San Cibrao (Cervo) no caso de que non haxa "acordo sobre un ERTE" despois do seu rexeitamento a vender a factoría nin a Liberty House nin á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Expirado o prazo da negociación para a venda, Alcoa informa a través dunha nota de prensa de que esa "non foi posíbel" e que por iso se reúne esta segunda feira coa representación dos traballadores "co tema único dun plan social para un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE)". "Ou, a falta de acordo sobre un ERTE, a aplicación dun despedimento colectivo permanente", avisa.

En calquera caso, di manter o seu "compromiso de traballar para atopar a mellor solución para os empregados".

A reunión de hoxe para abordar o ERTE xa foi convocada a semana pasada, por iso é polo que tanto o comité de empresa como o propio Goberno estatal acusan Alcoa de "mala fe" pola súa negativa a desfacerse da fábrica da Mariña de Lugo.

Pola súa banda, a multinacional estadounidense afirma que "foi imposíbel chegar a un acordo para vender a planta de aluminio debido ás demandas pouco razoables de GFG", o grupo propietario de Liberty.

"Alcoa fixo unha oferta equilibrada para ambas as partes e fixo varias concesións para chegar a un acordo", asegura, antes de criticar que, "pola contra, GFG non negociou dentro do prazo que se comprometeu a cumprir, negouse a proporcionar ningún tipo de financiamento para apoiar o futuro da planta e insistiu en termos comerciais pouco razoables, incluída a aprobación de calquera venda futura da refinaría, o cal está fóra do alcance do acordo alcanzado cos representantes dos traballadores o 13 de agosto".

O acordo, segundo apunta, "establecía que a negociación só consideraría a venda da planta de aluminio nunha transacción con termos comerciais razoábeis".

Neste escenario, insiste en que a planta de San Cibrao atópase nunha situación "insustentábel" e lanza unha acusación velada ao Goberno español ao incidir en que isto é así "debido en gran parte á falta dun marco enerxético competitivo en custos e incerteza para a produción de aluminio".

Alcoa iniciou o proceso cunha consulta informal en maio, abrindo posteriormente un proceso de consultas formal o 25 de xuño, que se ampliou até o 4 de agosto e, posteriormente, volveuse a ampliar o 13 de agosto por seis semanas para unha posible venda da planta.

Comentarios