Alcoa afirma que as posturas con Liberty están "moi distantes"

Alcoa asegura que Liberty non presentou ningún plan industrial que indique como garantirán a viabilidade a longo prazo da planta
Factoría de Alcoa en Cervo (Arxina).
photo_camera Factoría de Alcoa en Cervo (Arxina).

Alcoa e GFG Alliance, do grupo Liberty continúan coas súas negociacións para a venda da factoría de aluminio primario de San Cibrao, no concello de Cervo, mais os termos dun posíbel acordo seguen "moi distantes en varios temas" a menos dun mes da data límite do proceso (27 de setembro).

Así o apuntou a compañía nun comunicado no que tamén sinala que a parte compradora non presentou "ningún plan industrial que indique como garantirán a viabilidade a longo prazo da planta, incluída unha solución enerxética".

Desde a multinacional americana comunicaron a representantes do Ministerio de Industria, Xunta, sindicatos e aos representantes dos traballadores, que está a traballar "dilixentemente" na folla de termos e condicións 'Termsheet' para a venda da planta de aluminio, e tamén explicaron que "lamentabelmente" aínda non puideron chegar a un acordo sobre temas chave como o control da refinería, o contrato de subministración de alúmina e o mecanismo para protexer aos traballadores e as futuras responsabilidades.

Só a planta de aluminio primario

Alcoa tamén revela no comunicado que  GFG "aceptou un proceso de venda só para a planta de aluminio e agora solicita un dereito preferente para a compra da refinería de  alúmina", así como a aprobación de calquera venda futura da planta de  alúmina. "A refinería non forma parte do proceso de consulta nin tampouco do acordo que Alcoa asinou cos representantes dos traballadores", engade.

Así mesmo, apunta que ofreceu un contrato de subministración de  alúmina de 5 anos en termos comerciais razoables que axudarían á planta de aluminio a "asegurar o seu futuro". "As propostas de Alcoa de financiar conxuntamente o negocio para protexer aos traballadores e garantir que se cubran as responsabilidades futuras foron rexeitadas", sinala, antes de recalcar que a empresa "seguirá negociando de boa fe".

Con todo, a empresa "é consciente da importancia de chegar a un acordo nestes puntos crave para acordar a folla das bases da negociación e completar a primeira etapa do proceso de venda este domingo", recoñecen.

Comentarios