Alcoa advirte do risco de vender a planta de San Cibrao directamente a un terceiro

A multinacional norteamericana analiza o impacto da recente sentenza de Alu Ibérica sobre a súa permanencia no país
Planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) (Foto: Arxina).
photo_camera Planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) (Foto: Arxina).

Alcoa volve meter os tribunais polo medio das negociacións para a venda da factoría de aluminio primario de San Cibrao, no concello de Cervo. Primeiro foi co despedimento colectivo, que aínda está pendente do pronunciamento do Tribunal Supremo sobre o recurso presentado pola multinacional norteamericana á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que declaraba nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) para 524 persoas. 

Agora é a recente sentenza da Audiencia Nacional, que condena Alcoa pola venda das plantas da Coruña e Avilés ─agora en mans de Alu Ibérica─ a cumprir as condicións sobre extinción de contratos que se produzan e de  recolocación externa nos termos que se fixaron nos acordos alcanzados o 15 de xaneiro de 2019 nas devanditas factorías por incumprir a medida complementaria, que consistía na reindustrialización das plantas e no mantemento do emprego mediante a súa compravenda a un empresario serio, solvente e rigoroso.

A multinacional vén de iniciar os trámites para recorrer esta sentenza tamén no Supremo, xa que entende que "non pode ser considerada responsábel dos incumprimentos nos que poidan incorrer terceiros das obrigacións que asumiron no contrato de compravenda das plantas", asevera Alcoa.

Advertencia velada

Esta sentenza pon de manifesto, ao seu xuízo, "os riscos dunha venda dunhas plantas estruturalmente inviábeis na que o vendedor é o que contribúe economicamente na transacción, a pesar de contar coa supervisión de todos os actores involucrados no proceso", unha situación que se asemella ao actual proceso de venda da planta de San Cibrao. De feito, Alcoa di que está a analizar como afecta esta sentenza á súa situación actual en España.

A compañía lembra que en outubro de 2018 Alcoa iniciou un proceso de despedimento colectivo motivado, segundo incide, "pola inviabilidade" da produción de aluminio primario nas plantas da Coruña e Avilés, argumento esgrimido tamén para levar a cabo o despedimento colectivo en San Cibrao, agora xudicializado.

Urxencia improvisada

Alcoa lanza así unha mensaxe á ministra de Industria, Reyes Maroto, que a comezos de semana urxiu a multinacional estadounidense a vender a fábrica a un terceiro. A disputa leva meses centrada no papel da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) como intermediaria da operación.

A este respecto, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, lamentou a "urxencia improvisada" do Goberno español, ao que volveu reclamar "que asuma o seu compromiso" e lidere un proceso que "lamentabelmente, non está a dar a solución que todos estamos a buscar".

Pola súa banda. deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou onte a solicitude de comparecencia na Comisión de Industria da ministra e da presidenta da SEPI para que expliquen a posición do Goberno  español sobre a situación de Alcoa San Cibrao; das plantas da Coruña e Avilés, e sobre a negativa expresada nas últimas semanas a que a SEPI se faga cargo das factorías.

Movementos nas posíbeis compradoras

Mentres prosegue a loita xudicial e política, as empresas interesadas na compra da planta de Alcoa en San Cibrao van tomando posicións. Trafigura, unha das firmas que poxan pola factoría de Cervo e que tamén ten intereses no proxecto da mina de Touro, vén de pór no mercado Minas Aguas Teñidas (Matsa), sociedade que controla ao 50% con Mubadala Investment Company (do Goberno de Abu Dabi) e que engloba tres proxectos mineiros para a extracción de cobre e cinc en Andalucía. 

Ambas as compañías aspiran a obter uns ingresos de 2.000 millóns de euros pola venda das minas de cobre, un mineral que acumula unha revalorización de máis de 40% desde mediados do pasado ano. Con esta inxección de liquidez, Trafigura gaña músculo para afrontar outros proxectos, como o da mina de Touro ─é a principal accionista de Atalaya Mining─ ou a adquisición da planta de aluminio primario de Cervo.

Comentarios