Alcoa acusa Liberty de non ceder nas súas pretensións

A multinacional está disposta a seguir negociando, pero confía en que Liberty faga propostas "razoábeis".
Planta de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo (Arxina).
photo_camera Planta de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo (Arxina).

Pasan os días e as negociacións entre Alcoa e GFC Alliance, o grupo no que se integra Liberty Home, manteñen o distanciamento nas súas posturas sobre a venda da factoría de aluminio primario de San Cibrao (Cervo). 

Desde a multinacional estadounidense afirman que o feito de que se sobrepasase a data límite estabelecida para acadar un acordo sobre as condicións xerais dun acordo co grupo británico responde á negativa do grupo británico a avanzar na consecución dunha transacción "en termos comerciais razoábeis". 

Neste senso, segundo explicaron nun comunicado, Alcoa ofreceu transferir a planta de aluminio primario por 1 euro, mais GFG exixe tamén opcións exclusivas para controlar a refinaría de alúmina de San Cibrao. Tamén inciden en que a proposta dun contrato de subministración de alúmina por 20 anos que reclama o grupo está "á marxe das prácticas comerciais actuais", como tamén queda fóra do razoábel a exixencia de contar cun inventario de alúmina de 90 días (valorado en 30 millóns de dólares), xa que non hai capacidade na planta para almacenalo. 

Desde a multinacional estadounidense afirman que outro dos puntos de fricción está no feito de que GFC Alliance "se nega a comprometer fondos propios para asegurar a viabilidade da planta". Aínda que vende que está disposta a asumir todas as perdas en curso e responsabilidades da planta de aluminio, "GFG só ofreceu pagar un máximo de 1 millón de euros ao mes, suma substancialmente menor que as perdas mensuais actuais, até un máximo de 6 millóns de euros en total", apuntan desde Alcoa no comunicado.

Boa disposición

Na súa opinión, Alcoa realizou "movementos importantes" para chegar a un acordo sobre a folla de condicións da venda pactada cos traballadores o 13 de agosto e ofreceu condicións "extremadamente razoábeis" a  Liberty Home.

Pese a estas reticencias, Alcoa asegura que continúa negociando "de boa fe" e "permanece aberta ao diálogo" con GFG Alliance para chegar a unha venda "responsábel" da planta de aluminio de San Cibrao "en condicións comerciais razoábeis". O prazo para fechar un acordo de venda vence o vindeiro 27 de setembro.

Comentarios