Alcoa negociará directamente coas interesadas a venda do complexo industrial San Cibrao

A multinacional norteamericana volve pedir o comité de Alcoa San Cibrao anular a folga e retomar a paz social
O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado. (Foto: Cabalar / Pool / Europa Press)
photo_camera O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado. (Foto: Cabalar / Pool / Europa Press)

Alcoa move ficha na telenovela da venda da planta de San Cibrao (Cervo). A multinacional americana transmitiu aos traballadores e traballadoras do complexo industrial da Mariña a súa disposición a "estabelecer conversas directas" para a venda da factoría "cos candidatos proporcionados pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI)".

A empresa deu a coñecer este cambio de postura após manter esta terza feira unha nova xuntanza coa representación do persoal traballador, a quen propuxeron suspender a folga e manter a paz social durante outros dous meses "para avanzar na negociación de venda da planta de aluminio á SEPI".

Alcoa fai esta petición no mesmo día no que o comité de empresa anunciou a súa intención de convocar unha mobilización, aínda por concretar, coincidindo co aniversario o vindeiro 28 de maio do inicio das protestas polo ERE presentado pola empresa para os 534 traballadores e traballadoras, tombado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) por "mala fe" e pendente da resposta do Supremo ao recurso presentado pola empresa contra esta decisión.

Desde o comité de empresa, o seu presidente, Jose Antonio Zan (CCOO), valorou o feito de que Alcoa acepte negociar a venda da factoría de aluminio cos potenciais compradores, que cifra en seis.

No día de mañá está prevista unha nova asemblea do cadro de persoal na que este comentará o novo movemento e definirá os pasos a tomar nas vindeiras datas. "A empresa vai enviar a proposta para ter unha paz social un tempo máis para poder comezar ese term sheet [folla de termos]", apuntou Zan en declaracións aos medios após o encontro coa dirección.

Malos precedentes

Con todo, o presidente do comité non é partidario de que sexan "prazos moi longos", sobre todo despois do acontecido nas últimas treguas concedidas a Alcoa, nas que a paz social non foi garante dunha saída ao conflito en forma de venda.

Agora a multinacional quere abrir un novo período de negociacións, desta vez directamente cuns candidatos que previamente lle ten que suxerir a SEPI, cousa que desde o Ministerio de Industria, a través do secretario xeral Raül Blanco, xa indicaron que non ían facer por non ser o seu cometido, como tampouco ían aceptar a cláusula de indemnidade que reclamaba  Alcoa para evitar responsabilidades após a venta e, con iso, situacións como a que vive coas plantas de Alu Ibérica.

Comentarios