O alcalde de Foz prevé que con Altri acontecerá "o mesmo que con Pemex"

"A Xunta elude esta responsabilidade e non temos ningunha perspectiva. O que pedimos é un plan ordenado, un plan de industrialización, un plan que cumpra obxectivos e poidamos fiscalizar, porque o resto son promesas infundadas e cortinas de fume", advirte Fran Cajoto.
Altri (Foto: Timon)
photo_camera Altri (Foto: Timon)

O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, vén de comparar o proxecto de fibras téxtiles da multinacional portuguesa Altri coas "promesas incumpridas" pola Xunta da Galiza anos atrás en relación co impacto que tería Pemex no país.

Cajoto critica que se descartase a localización da Mariña, mentres lamenta a ausencia de noticias sobre esta operación comprometida agora para o municipio de Palas de Rei. O rexedor sostén que se falaba inicialmente da Mariña porque respondía a "un claro interese electoralista".

"Cando foi o punto álxido da crise de Alcoa saíase con isto, pero agora xa non interesa mediáticamente e politicamente as cousas vanse esquecendo". "É o mesmo que pasou con Pemex", equipara. "Era o que anunciabamos, cando primeiro incumpriu a promesa [Alberto Núñez] Feixoo de traer Altri para A Mariña, cando traizoou toda unha comarca cambiando de localización cando non tiña ningunha lóxica", protesta.

O alcalde de Foz lembra que o novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "puxo deberes a Pedro Sánchez pedindo fondos europeos e cando recibe unha resposta positiva dá tres pasos para atrás".

"Agora a empresa non ten claro o investimento", di, ao tempo que advirte que "xa está ben de xogar coas expectativas e coas perspectivas de futuro da provincia e dunha comarca".

Fran Cajoto reivindicou que a Xunta poña en marcha "dunha vez por todas" unha "política industrial que non existe por ningún lado", sobre todo "unha política industrial que sirva para A Mariña".

"A Xunta elude esta responsabilidade e non temos ningunha perspectiva. O que pedimos é un plan ordenado, un plan de industrialización, un plan que cumpra obxectivos e poidamos fiscalizar, porque o resto son promesas infundadas e cortinas de fume", censurou.

O pasado mes de xullo, Altri anunciou a súa intención de atrasar a 2023 a súa decisión final acerca deste investimento previsto no municipio de Palas, que suporía a creación de entre 2.000 e 2.500 postos de traballo, segundo as previsións da compañía.

Comentarios