xoves 21/01/21

Albino Prada: "Galiza ten que reinventarse como sociedade decente e rachar co modelo neoliberal"

O economista galego e ensaísta Albino Prada vén de presentar 'Caminos de Incertidumbre' (Catarata, Madrid), unha obra na que aborda os perigos que, da man da tecnoloxía, da manipulación xenética, da exclusión social ou do cambio climático entre outros, nos ameazan neste século XXI.
O economista Albino Prada (Foto: cedida).
O economista Albino Prada (Foto: cedida).

Falando de incertezas, Galiza ten no aire o futuro industrial e parte do seu modelo produtivo. Que desenlace cabe esperar?

Temos no aire moito máis que o futuro industrial e do modelo produtivo. O control oligopólico das finanzas por apenas catro entidades con ánimo de lucro, a captura dos nosos recursos naturais enerxéticos por outro oligopolio ou a excesiva vinculación de dous xigantes das manufacturas (PSA e Inditex) aos mercados globais conforma unha megamáquina económica, que diría Mumford, moi pouco resiliente fronte as incertezas, sexa unha pandemia global ou unha crise derivada dunha burbulla financeira. Se a iso sumamos a dependencia do big data, do 5G, dos sistemas operativos e de grupos globais (Google, Amazon, Facebook, Apple e Microsoft, as chamadas GAFAM), a posibilidade dun colapso climático, financeiro, enerxético ou de subministros remite non só a un risco asegurábel, senón a unha incerteza ingobernábel. Todos eles capturan unha parte crecente do valor producido con menos emprego e forzan un 'gorroneo' fiscal chantaxista. O resultado é un colapso do vello estado social. A lei da xungla: sociedade de mercado.

Por onde poden vir as solucións?.

Teño resumido recentemente unha folla de ruta para Galiza para reinventarnos como sociedade decente fronte a esa sociedade de mercado. Desde logo precisamos unha ruptura coa folla de ruta neoliberal na ONU, na OCDE ou no FMI, pero tamén na UE ou no BCE, e sin dúbida no Banco de España e nos gobernos español ou galego. Eso implica, por exemplo, que, en troques de endebedamento público, haxa que equilibrar a achega dos ingresos entre as rendas salariais e o resto; non recadar máis sobre os consumos e sí moito máis sobre os excedentes empresariais, a especulación financeira ou o valor do capital. E nas pensións, que non sexan ingresos sobre os salarios senón sobre todo o valor xerado. Esa ruptura significa tamén que non sexa papel mollado a competencia e a iniciativa privada. Non pode haber mercados cativos por moi poucos axentes. E se os hai, haberá que repartilos. Non pode ser que os que predican contra do gasto público, sexan parasitos do orzamento. 

En que sectores debemos apostar entón?

Eu teño claro que nunha sociedade que produce todos os alimentos e todas as manufacturas que precisamos e máis, e con apenas unha quinta parte da poboación ocupada, a aposta debe ser dobre. Por unha banda, que eses sectores da produción material nos permitan un abastecemento de proximidade con canais curtos e transparentes de comercialización e orientados cara o mercado interno. E, por outra, que os servizos que hoxe dominan cada vez máis as entidades privadas (finanzas, ensino, sanidade, TIC, xeriátricos, etc.) sexan xacementos de emprego digno, compartidos por unha oferta pública que poña por riba do lucro a accesibilidade e non exclusión, así como a atención persoal e personalizada. O modelo do Hospital Álvaro Cunqueiro, a mutación das caixas en Abanca e non nunha Kutxabank, que sexamos o territorio con menor rateo de prazas en residencias públicas, etc van xusto na dirección contraria. A dependencia a escala mundial de PSA ou Inditex tampouco axudan. E non digamos o lobby Naturgy, Iberdrola, Endesa.

Que papel xogan as Administracións e as empresas nese escenario?

As administracións deben deixar de estar cativas dos grandes grupos construtores, financeiros ou enerxéticos e abrir novas posibilidades de mercados e actividades innovadoras e con competencia. A Unión Europea ten que evitar e partir as entidades sistémicas desas que son demasiado grandes para deixalas caer. Non se pode predicar unha cousa para o endebedamento público (o risco moral dos eurobonos, por exemplo) e facer outra cando se trata de salvar ás finanzas ou a automoción. Tampouco que algúns empresarios teñan mercados cativos, e nisto o Goberno español e a Xunta teñen amizades perigosas dente hai demasiado tempo.

As empresas innovadoras, e que reclaman competencia real, deben contar coa complicidade do sector público. Por exemplo, todo o que supoña melloras na comercialización alimentaria en favor das persoas consumidoras e das produtoras agrarias, ou as que  acheguen software e aplicacións que nos permitan non depender das GAFAM. A soberanía dixital vai ser o dilema crucial destes tempos, pois o 'telón dixital' entre as GAFAM e os Huawei, Alibaba e compañía xa é un feito.

comentarios