Feijóo apúntase á 'marca España' no seu peor momento

O goberno galego abandonará as oficinas propias no exterior e venderá a súa imaxe nas embaixadas e organismos españois. Co pretexto do aforro pasará a depender das estratexias da cada vez máis desvalorizada “marca España”
Turismo de España

O presidente do goberno galego modificou a estratexia exterior para decidir que Galiza non conte con sedes de promoción e comercialización propias no exterior. A partir de agora o noso país pasará a ocupar “parte” das oficinas que o goberno español ten en diferentes países. “Tomamos a decisión de trasladar a de París, Berlín e Estambul ás instalacións do ICEX ou ás embaixadas, en función da dispoñibilidade loxística, e en función da dispoñibilidade de espazo”, xustifícase Feijóo. A razón deste cambio de idea en relación coa promoción da propia marca Galicia, presentada non hai moito e cun investimento importante, é para Feijóo unha cuestión económica. “Aforrar, diminuír, evitar duplicidades e mellorar a efectividade do gasto público”, son as palabras que empregou o xefe do executivo galego despois da reunión de onte co ministro de Asuntos exteriores e de cooperación, José Manuel García-Margallo, e co secretario de Estado de comercio, Jaime García-Legaz, para asinar un protocolo de colaboración.

A razón deste cambio de idea en relación coa promoción da propia marca Galicia, presentada non hai moito e cun investimento importante, é para Feijóo unha cuestión económica

Da 'marca Galicia' á 'marca España'
Da experiencia exterior de galegos e galegas Feijóo lembrouse para sinalar que hai moitos anos “que os galegos traballamos no exterior” e que “un millón e medio de galegos viven fóra de Galicia e fóra de España”, mais non mencionou as instalacións moito máis económicas que por todo o mundo xestionan, desde hai anos, emigrantes. A idea expresada polo presidente galego é apostar por formar parte da marca España, pedíndolle ao goberno español que teña en conta “as especificidades do norte, do noroeste e, concretamente, de Galicia”. Deste xeito o gasto empregado estes anos pasados en promocionar a marca Galicia, lembremos a campaña de 2010 con cambio de logo incluído, poderían quedar en nada.

A marca España pola cal aposta Feijóo é un proxecto que retoma Rajoy mais que parte da época Aznar. Naceu en 2002 como iniciativa do Instituto do Comercio Exterior (ICEX), o Real Instituto Elcano, o Foro de Marcas Renombradas Españolas e a Asociación de Directivos de Comunicación (Dircom). Desde entón, pouco se sabe do seu traballo até hai pouco máis de quince días cando nomearon o madrileño Carlos Espinosa de los Monteros, ex-vicepresidente de Inditex, como o seu alto comisionado. Segundo recoñecen fontes do propio goberno español, a marca España está a pasar por un dos seus peores momentos e a actividade de Espinosa, polo de agora, foi acompañar El-Rei na visita oficial a Moscú. A propia presentación oficial desta iniciativa está sen realizar e non hai nin data aproximada.

A información sobre Galiza na páxina web do ministerio de Asuntos exteriores é case anecdótica.

Imaxe de Galiza no ministerio de Asuntos exteriores
Na páxina web oficial do ministerio de Asuntos exteriores a información sobre Galiza é case anecdótica. A versión en galego non está completa e no apartado “¿Desea viajar a España? conozca nuestro país” fálase da cultura do Estado español como a de “ Cervantes e Velázquez”. No único apartado propio, o de Santiago de Compostela como cidade Patrimonio da Humanidade, a ligazón non funciona. En todo caso a maior información é sobre turismo e remítese a outro portal web.
A proposta de Feijóo é que “a Marca España teña en conta tamén as especificidades do norte, do noroeste e, concretamente, de Galicia” aínda que sempre “desde a cooperación e desde a lealdade” ao Estado español.

Comentarios