Albada: 108 días de loita deron o seu froito

Empresa e representantes dos traballadores atinxiron un acordo polo que se readmite os 8 despedidos e séntanse as bases para un novo convenio colectivo. A asemblea de traballadores deu o seu visto bo ao pacto. “Queda demostrado que se hai unión e hai forza as cousas conséguense”, afirmou Xosé Manuel Vilariño, presidente do comité de empresa.

Foron 108 días de folga indefinida que tiveron un final positivo para os e as traballadoras de Albada, a concesionaria da planta de tratamento de lixo de Nostián, na Coruña. Un pre-acordo acadado entre o comité e a empresa e ratificado sen votos en contra pol@s operari@s en asemblea que desbloqueou un conflito que se prolongaba desde o 28 de xuño. A readmisión dos 8 despedidos ao inicio das negociacións e as garantías de manter o emprego até o remate do novo convenio (decembro 2014) foron algunhas das cuestións máis valoradas.

O presidente do Comité de empresa, Xosé Manuel Vilariño, recoñeceu que entre o persoal existe “satisfacción”, sobre todo no tocante á readmisión “dos compañeiros despedidos e que a empresa estaba a empregar como reféns”, manifestan desde a CIG, sindicato maioritario no comité. Tamén se valorou de xeito positivo avances como o de lograr compromisos de garantía de mantemento do emprego.

A empresa quería recortes do 25% nos salarios

Sobre outros aspectos, Vilariño referiuse ao incremento da xornada semanal, que pasa das 38.5 ás 40 horas (cun descanso de 20 minutos, remunerado, para o bocadillo), e á caída relativa dos salarios por mor de recortes nalgúns pluses. En todo caso, matizou, será unha rebaixa moi lonxe do recorte salarial do 25% que buscaba impor a empresa.

“En conxunto, a nosa valoración é moi positiva, á vista da brutalidade das pretensións que tiña a empresa nos recortes salariais e laborais, e que estivo mantendo case até o final do conflito"

Este principio de acordo chega tras unha folga indefinida na planta de Nostián iniciada o pasado 28 de xullo e dúas xornadas de folga no sector de limpeza da comarca da Coruña. Para o presidente do comité de Albada, a principal lección que se tira deste conflito resúmese nunha frase: “Queda demostrado que se hai unión e hai forza as cousas conséguense”.

Comentarios