AGV-Fruga expón as súas propostas para as denominacións de orixe do viño

Avoga por medidas e actuacións que fagan deste sector un alicerce de desenvolvemento e riqueza
Viñedos de casal de Armán. Foto: Casal de Armán

A pesar das dificultades e problemas que as candidaturas da Fruga atoparon para presentarse ás eleccións a algúns consellos reguladores (Craega, Tenreira galega, Pataca da Galiza), manteñen as súas listas para aqueles CR das denominacións de orixe do viño: Ribeiro, Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra (nesta última, integrados nunha candidatura independente).

Desde a Asociación Galega de Viticultura-Federación Rural Galega estánse a expoñer en diversos actos as súas propostas para estes CR. Así, no que atinxe á denominación de orixe do Ribeiro, AGV-Fruga aposta por realizar un novo rexistro vitícola que corrixa as “enormes deficiencias” do actual; así como por un programa de actuacións a prol da reconversión varietal, ou ben porque se leve a cabo o novo regulamento aprobado polo Consello Regulador.

As achegas no caso do CR das Rías Baixas pasan por, entre outros, a defensa dos controis de rendemento na produción de uva, ou o apoio aos acordos de compra-venda de uva a través dun novo contrato homologado que prime criterios de calidade.

O aumento dos recursos para a promoción e control de calidade dos viños ou o apoio a novos acordos de compra-venda de uva son algunhas das propostas que AGV-Fruga pon sobre a mesa para o consello regulador de Valdeorras. No de Monterrei, deféndese a estabilidade do sector desta denominación de orixe frente a prantacións de viñedo con afán especulativo.No caso da Ribeira Sacra, AGV-Fruga vai integrada na Candidatura Independente de Viticultores e Adegueiros Profesionais da Ribeira Sacra.

Comentarios