O agro galego desconfía do cumprimento da reforma da lei da cadea alimentaria

O Goberno español deu a coñecer no Consello de Ministros as reformas do Real Decreto polo que se adoptan determinadas medidas urxentes que buscan garantir uns prezos xustos a produtoras e produtores no agro.
Explotación agraria de patacas na Limia (Xunta da Galiza)
photo_camera Explotación agraria de patacas na Limia (Xunta da Galiza)

O responsábel do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, presentou en rolda de prensa as principais novidades da reforma da Lei da Cadea Alimentaria. O documento introduce, segundo o ministro, as reivindicacións do sector na procura duns "prezos xustos". A reforma aprobada esta pasada terza feira  introduce o custo de produción como elemento obrigatorio nas relacións contractuais para estabelecer os contratos agrarios. Incorpórase, polo tanto, unha cláusula expresa de que o prezo pactado entre a produtora ou produtor e a súa primeira compradora ou comprador, cubre os custos de produción.

Outra das novidades é a prohibición de destruír valor no proceso da mesma cadea. Polo tanto cada operadora deberá pagar á inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo efectivo da produción. Tamén se acorda que as sancións graves ou moi graves, como a propia destrución de valor da cadea alimentaria, que sexan denunciadas en vía administrativa ou xudicial, daranse a coñecer. Por último exixe que non se banalicen os produtos da cadea alimentaria nas promocións.   

Desconfianza na Galiza 

As organizacións agrarias na Galiza recibiron o anuncio destas medidas con moita cautela até poder estudar o texto íntegro na nova lei. Unións Agrarias (UUAA), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Federación Rural Galega (Fruga) coinciden en sinalar que botan en falta máis concreción en explicar como se porán en práctica estas medidas.

"Terá detractores na industria e no Tribunal da Defensa da Competencia", asegura o secretario xeral de UUAA, Roberto García, a Nós Diario. Para esta organización "as grandes empresas quererán librarse e a resposta non pode vir por parte da xustiza ordinaria que é lenta e pode tardar anos en darnos a razón cando nós traballamos con produtos perecedoiros". 

Desde o SLG e Fruga o anuncio lembra outros que se fixeron e que non solucionaron o problema. "Soa mal, falan de que non se venda por baixo do custo de produción como un acordo entre a industria e o produtor", explica Isabel Vilalba do SLG a Nós Diario, "e non hai negociación se tes a un pequeno produtor como os que temos aquí diante dunha grande industria", engade.

Para Elías Somoza, de Fruga, "todo o que sexa tentar frear os abusos da distribución e da industria parécenos positivo" mais "o que hai que facer é un marco de relacións interprofesionais no cal se permita unha negociación deses prezos", asegura a Nós Diario. Lembra os atrancos do propio PP na Xunta da Galiza cando non se querían tratar os prezos para non entrar en disputa con Competencia.  

A primeira proba da lei na Galiza será a negociación que mantén estes días a Unión Leiteira Galega (Ulega). "Recibiu ofertas de 29,5 céntimos, lonxe dos 32,5 do custe que marca o ministerio", asegura Roberto García.

Comentarios