A Xunta tiña competencias para ter evitado a comercialización de preferentes entre os aforradores galegos. Así o considera AGE nun comunicado onde acusa a exconselleira de Facenda, Marta Currás, de silenciar interesadamente esta cuestión.
O grupo político recórdalle á Xunta a responsabilidade imposta polo decreto lexislativo 1/2005, referente ás caixas de aforros, de “controlar e inspeccionar ás caixas así como a vixiancia da administración do aforro privado”.
Denuncian que o Executivo galego “mirou para outro lado mentres se perpetraba a estafa das preferentes e subordinadas”, en relación as declaracións de Currás, que afirmou durante a comisión de investigación que as funcións da Xunta se limitaban só a controlar os acordos societarios.