XORNADA SOBRE A DéBEDA EN COMPOSTELA

AGE-Europa apela a facer pedagoxía social ante unha débeda ilexítima

Un cento de persoas participan na xornada organizada por AGE-Europa, integrada en GUE/NGL, sobre a débeda pública. Con esta actividade, a formación política busca facer “pedagoxía social” sobre unha débeda que “non é lexítima, nin soberana nin ética”.

Lídia Senra e Xosé Manuel Beiras na Xornada sobre a Débeda 210516
photo_camera Lidia Senra e Xosé Manuel Beiras na Xornada sobre a débeda

A Facultade de Filosofía de Compostela acolle este sábado a xornada “Débeda pública. O impacto do memorando da Unión Europea”, coa que AGE-Europa trata de difundir entre a cidadanía a “estafa” e o “negocio” da débeda. “Trátase dunha chantaxe para manter de xeonllos ás clases populares”, afirmou a europarlamentar Lidia Senra durante a xornada.

Senra fixo un chamamento ás forzas políticas de esquerda para “coller valentía, buscar solucións e facer pedagoxía” de cara a que o pobo coñeza que “estamos ante uns dados alarmantes sobre os que hai que reflexionar”. E é que xa no 2015 a débeda do Estado español estaba en máis de 23.000 euros por persoa. Aliás, a Comisión Europea esta semana xa advertiu de que se deberán realizar máis axustes e tamén reducir o déficit en 8.100 millóns de euros.

A europarlamentar foi a encargada de inaugurar a xornada, xunto co portavoz de AGE no Parlamento galego, Xosé Manuel Beiras, quen alertou de que a débeda é un exemplo máis da “deriva fascistizante” ante a que nos atopamos. Fronte ao nome de “débeda pública”, Beiras puxo a énfase en que “a orixe da débeda non é pública, senón privada”. “Non é unha débeda que contraese o Estado para atender á maioría da cidadanía”, explicou, senón para atender ás entidades financeiras.

En 2009 a débeda galega representaba o 6,7% do PIB, e agora representa o 18,6%

Na xornada tamén tomou a palabra a economista e responsábel de Organización de Anova, Esther Duro, que explicou que cando Alberto Núñez Feijóo acadou a presidencia da Xunta, no 2009, a débeda pública galega era de 3.923 millóns de euros e representaba o 6,7% do PIB galego e que tras algo máis de 7 anos de goberno do PP, a débeda acadou os 10.375 millóns de euros, un 18,6% do PIB galego. Participaron tamén Iolanda Fresnillo, membro da Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda, que criticou que se estea a usar a débeda como “ferramenta de medo e ameaza, e Joan Tafalla, membro da Plataforma Saír do Euro, quen expuxo que resolver o problema da débeda non será posíbel sen recuperar a soberanía económica e política dos pobos do Estado español.

Unha das intervencións máis aplaudidas foi a do fundador e portavoz da rede internacional do Comité para a Anulación da Débeda do Terceiro Mundo, Éric Toussaint, quen definiu a débeda ilexítima como aquela débeda contratada a favor dunha minoría privilexiada; e a débeda insostíbel como aquela que impide aos gobernos garantir os dereitos fundamentais da cidadanía.

Comentarios