O aforro galego expatriado pola banca ascende a 26.833 millóns en 2021

Madrid é a grande gañadora da drenaxe do capital da Galiza
Entidades bancarias nos cantóns da Coruña (Xoán Roberes)
photo_camera Entidades bancarias nos cantóns da Coruña (Foto: Xoán Roberes)

Os últimos dados ofrecidos polo boletín do Banco de España volven pór en evidencia a drenaxe do aforro galego por parte dos operadores financeiros con presenza na Galiza. Segundo as cifras referiras ao primeiro semestre do ano en curso, o total dos depósitos custodiados polos bancos con actividade na Galiza é de 74.481 millóns de euros, representando os créditos das mesmas entidades 47.648 millóns de euros, o que xera un fuga de capitais de 26.833 millóns de euros. A contía representa unha baixa de 393 millóns de euros en relación co trimestre anterior mais é superior á de 2019, cando se van expatriar 25.271 millóns de euros, sendo a 31 de decembro o monto do aforro galego de 66.819 millóns de euros e o total dos créditos de 41.548 millóns de euros.

O aforro galego significa o 5,13% do total estatal mentres o crédito do sistema financeiro sitúase en 3,76%, unha porcentaxe de máis de dous puntos inferior ao peso da poboación galega no conxunto do Estado. Ao tempo, o crédito per cápita atópase nos postos de cola a nivel estatal, significando o aforro expatriado polos operadores bancarios unha contía económica considerábel, próxima a 41,6% do Produto Interior Bruto (PIB) galego e superior en 15.206 millóns de euros ao orzamento da Xunta de 2022.

O impacto da expatriación do aforro polo conglomerado financeiro é moi prexudicial para a economía galega.

 Ao tempo, esta realidade xerase nun contexto de falla de músculo financeiro do tecido empresarial galego, que limita a súa capacidade para cometer novos investimentos e obriga, en moitos casos, a acudir a fórmulas de financiamento non exentas de perigos, como os fondos de capital risco.

O impacto da expatriación do aforro polo conglomerado financeiro é moi prexudicial para a economía galega. Neste sentido, o economista Xosé Díaz advirte “da descapitalización do país, a través da actuación do sistema financeiro operante na Galiza, que conduce a que os nosos depósitos non sexan realmente nosos”. 

Na mesma dirección, sinala que a lóxica dos créditos e dos depósitos “veñen presentarnos a situación histórica que a Galiza se lle fixo xogar, drenándolle parte do seu capital, dos seus aforros, para financiar o sector empresarial e, en xeral, o desenvolvemento e o benestar do resto do Estado, nomeadamente Madrid, sede da maioría do sector financeiro operante na Galiza”.

Madrid é a grande beneficiada, atopándose nunha dialéctica totalmente diferente á galega. Así, o Banco de España sinala que Madrid xera no primeiro semestre de 2021 o 28,42% do total do aforro estatal e recibe o 28,83% dos créditos, porén do aforro asignado a este territorio 9,41%, isto é 33.872 millóns de euros, correspóndense con depósitos da administración do Estado domiciliados en sucursais bancarias madrileñas. O crédito en Madrid ten aumentado en 3,6 puntos desde 31 de decembro de 2012 como consecuencia do proceso de concentración do poder económico na capital do Estado, impulsado por diferentes decisións dos poderes públicos. 

O proceso de reestruturación bancaria acometido no marco da Grande Recesión, onde se adoptan medidas para favorecer o estabelecemento das sedes das entidades de crédito en Madrid, ten impulsado este proceso.

Galiza perde 51,52% das sucursais en 10 anos

A drenaxe do aforro maniféstase nunha nova conxuntura marcada pola práctica desaparición das entidades de crédito galegas, polo proceso de exclusión bancaria para sectores da poboación e polo fechamentos de sucursais en toda a Galiza. Os dados fornecidos polo Banco de España sinalan que Galiza ten perdido na última década o 51,52% das oficinas bancarias, localizándose o groso dos fechamentos nos anos dos grandes movementos de concentración financeira da primeira vaga de fusións, nun proceso de axuste ao que non escapan as áreas urbanas.

Así, entre estas, lideran a supresión de oficinas as cidades de Lugo, cunha redución de 26,66%, e Ourense, con 25,33%, malia ter desaparecido nas comarcas desta circunscrición máis  de 60% das sucursais.

Comentarios