Afectad@s polas preferentes: "PP, banqueiros, todos ao caldeiro!"

Afectad@s pola estafa das participacións preferentes maniféstanse "contra as mentiras do PP" en Compostela. Aforradoras e aforradores culpan aos gobernos de Rajoy e Feijóo de axudar á banca e enganarlles. Ocupan a praza do Obradoiro e denuncian agresións por parte da policía.
Manifestándose polas preferentes en Compostela
photo_camera Manifestándose polas preferentes en Compostela

“O PP sacrifica os nosos aforros para satisfacer as necesidades das finanzas”. A voz de actriz galega Isabel Risco fala alto e claro en nome de milleiros de persoas de toda a xeografía galega que ateigaron este mediodía Compostela. Familias enteiras, persoas de todas as idades acompañadas ou en solitario percorreron as rúas do centro da capital galega desde a Alameda até a Praza do Obradoiro onde a actriz Isabel Risco leu un manifesto para denunciar o millonario calote que conta, só na Galiza, con máis de 90.000 afectad@s.

A trampullada financeira comezou despois da legalización “da comercialización de participacións preferentes, no goberno de Aznar, con Rodrigo Rato de ministro de economía e Rajoy de vicepresidente, e a sabendas de que os bancos e caixas precisaban fondos para seguir a financiar a burbulla inmobiliaria”. O manifesto clarifica todo o proceso que levou a que bancos e caixas, na Galiza cun maior protagonismo do fusionado Novagalicia Banco, a quedarse cos cartos d@s clientes. “Baixo a máscara dun depósito a prazo fixo permitiuse a incorrecta comercialización dun produto bancario no que media un engano premeditado, para que as entidades bancarias conseguisen liquidez”.

“Rajoy axuda aos bancos”
Se as denuncias e acusacións de todos estes meses foron dirixidas ás entidades financeiras, con mobilizacións permanentes por todo país, agora son @s responsábeis políticos dos gobernos español e galego @s que reciben as acusacións d@s afectad@s.

“A obriga do Estado tiña que ser protexer @s aforrador@s mais a día de hoxe as autoridades políticas non están polo labor de buscar unha solución, pasándose o tema duns a outros, incorrendo en abuso de poder, trato inxusto, discriminación, falta de resposta e engano”.

As últimas decisións do goberno de Rajoy, aprobar no período de vacacións o Real Decreto 24/2012 do 30 de agosto, é para as persoas afectadas unha “decisión política do goberno do PP que regula e faculta ao FROB a consumar a expropiación dos aforros que previamente foron secuestrados polos bancos e caixas”.

A ocultación de datos de Feijóo
As últimas declaracións sobre o calote das preferentes do presidente da Xunta e candidato do PP ás eleccións do 21-O, Alberto Núñez Feijóo “quentaron” a manifestación de Compostela. “Sabía que el capital de las cajas estaba trufado de preferentes, pero no podía contarlo”, dixera o lider do PP hai uns días a un medio de comunicación. A estas palabras hai que engadirlle as "solucións" que aportou até o de agora e que non convencen. 

@s manifestantes aseguran que “a arbitraxe aprobada desde o 19 de xullo non é unha solución” e lembran que “segundo as propias palabras de Novagalicia banco será só a solución para o 15% de afectad@s". A pregunta que se fan agora con medo polo seu futuro é “que vai pasar cos que non van ser admitidos á arbitraxe?”

Denuncian agresións
Un dos momentos de máis emoción e carraxe foi cando se denunciaron agresións de particulares e policía. “Chámome Ofelia Martínez, de Apres, Ferrolterra, son unha cliente de Nova Galicia Banco enganada coas preferentes. O día 13 de setembro fun agredida cun puñetazo na boca por un energúmeno axudado por un Policía Nacional que ameazoume con levarme presa”. Toda a praza escoitou a súa experiencia en silencio. “Outra persoa de Apres, Manuel López, saíu na miña defensa e foi golpeado e detido no cuartel 24 horas incomunicado onde foi agredido e vexado para despois estar encausado por desobediencia e resistencia á autoridade”.

 Vídeo: O relato dunha afectada de Moaña.

Comentarios