Afectad@s polas preferentes toman a Deputación de Pontevedra

As plataformas de afectad@s polas preferentes de todo o país concentráronse hoxe diante das catro deputacións. En Pontevedra entraron no salón de plenos onde estaba Rafael Louzán, presidente da institución e varios alcaldes. Despois dun tenso diálogo entregaron un escrito con peticións.
Preferentes diante da Deputación de Pontevedra

As catro deputacións provinciais viviron hoxe unha xornada de perto a situación das persoas afectadas pola estafa das preferentes das entidades financeiras. As concentracións programadas tiveron lugar tal e como prometeran as diferentes plataformas hai uns días.

Exixen a mediación das administracións públicas, locais e provinciais, para unah entrevista co propio presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano.

Louzán non convence

Na concentración diante da Deputación de Pontevedra participaron todas as plataformas da provincia e alcald@s de trinta municipios que se solidarizaron coa situación das persoas afectadas pola preferentes. Un pequeno grupo mantivo unha reunión co presidente do organismo, Rafael Louzán, e coa directora Xeral de Comercio, Nava Castro. "Pedimos explicacións non nos convenceron, seguen a botar a culpa ao banco". José Manuel, membro dunha das plataformas, asegura que "o responsábel é o FROB e o propio goberno". Cos ánimos quentes polas respostas que lles daban un número importante de concentrad@s decidiron entrar no Pleno. "Cando empezou a faltarnos ao respecto houbo momentos de tensión".

Cara o final da "visita" á Deputación de Pontevedra @s concentrad@s entregaron en rexistro un documento de catro puntos no que exixen que non se aplique a lei 9/2011, que se retiren as quitas, manter a arbitraxe para tod@s as persoas afectadas e recoñecer que son aforrador@s, non inversor@s. "Darémoslles un tempo mais se non achegan solucións seguiremos coas protestas".

Comentarios