Afectad@s polas preferentes exixen a devolución dos seus aforros pechando sucursais

A Plataforma de Compostela reúnese cada día perante a sede da entidade bancaria da Praza Galiza. A Plataforma exixe a devolución íntegra do diñeiro e denuncia a utilización "caciquil" da arbitraxe. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, reclama en Sanxenxo "unha solución política” ao conflito.
Protesta na oficina de NGB en Compostela
photo_camera Protesta diante da oficina de NGB en Compostela

"Estamos moi queimados e as novas cada vez son peores". Suso, da Plataforma de afectad@s polas preferentes de Compostela é moi claro coa situación que estan a pasar @s aforrador@s que confiaron nas entidades bancarias que hoxe conforman NGB. Na segunda feira mantiveron unha asemblea e decidiron seguir coas mobilizacións até recuperar todos os seus cartos. "O goberno mareunos e agora cúmprese a análise que fixemos no mes de agosto cando se fixo público o borrador do Real Decreto do goberno", asegura. Para este membro da Plataforma a intención do goberno é equiparar a aforrador@s con accionistas. "A quita do 50% de preferentes e o outro 50% en accións dunha entidade intervida polo FROB é unha nova estafa".

A Plataforma comezou esta semana concentracións diante da oficina central de Novagalicia Banco en Compostela coincidindo cos primeiros días de rebaixas nesta zona da cidade. A intención é protestar cada día entre a s 10:30 e as 14 horas e que a entidade teña que pechar.

"Hai moitos clientes que estiveron enganados por medios de comunicación como os da CRTVG que non transmitiron con claridade o que pasaba"

Máis estafad@s

O número de persoas que se decata do seu problema aumenta cada día, segundo comentan desde esta Plataforma. "Hai moitos clientes que estiveron enganados por medios de comunicación como os da CRTVG que non transmitiron con claridade o que pasaba". Neste caso están moitas persoas, clientes de NGB, con préstamos polo medio.

Outra das queixas da Plataforma, como indica Suso, é a utilización "caciquil" da arbitraxe onde "a determinado perfil de cliente como concelleir@s do PP, familiares e amigos devolvéronlles os cartos". No caso da arbitraxe a Plataforma quere deixar claro que "xa rematou aínda que o goberno diga que continúa".

O BNG reúnese c@s pechad@s en Sanxenxo

A plataforma de afectad@s polas participacións subordinadas e preferentes do Salnés continúa co seu peche na Casa do Concello de Sanxenxo iniciada a pasada quinta feira. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, xunto á deputada nacionalista, Montse Prado, e varios portavoces municipais da comarca do Salnés, mantiveron unha reunión con el@s.

"O BNG estivo do lado dos estafados esixindo unha solución política que ten que pasar inevitabelmente pola devolución de todos os cartos aos seus lexítimos propietarios, que son as persoas estafadas pola banca”, sinalou o lider nacionalista. Segundo Guillerme Vázquez "non pode ser que haxa miles de millóns de euros para rescatar á banca, nun caixón sen fondo, e para esta xente nada de nada, nunha sociedade democrática non pode ser que se estafe á xente e nada pase".

Video: @Susana_Amado

Comentarios