Afectad@s polas preferentes critican o empeño do goberno na vía da arbitraxe como solución

“Nas propias oficinas de consumo estase a confundir aos afectados/as porque se lles recomenda esta opción, cando non é garantía de recuperarmos o 100% dos nosos cartos”, sinalan desde algunhas plataformas
Manifestación de afectad@s polas preferentes
photo_camera Manifestación de afectad@s polas preferentes

Responsábeis da Plataforma de Afectad@s veñen de criticar a actitude do goberno por, sinalan, “seguir empeñado en que a solución á nosa problemática é a arbitraxe”, unha opción que, lembran, non satisfai as demandas do colectivo. Na Galiza hai unhas 70.000 persoas afectadas polas participacións preferentes.

Nesta liña, denuncian que “nas propias oficinas de consumo estase a confundir aos afectados/as porque se lles recomenda esta opción, cando non é garantía de recuperarmos o 100% dos nosos cartos”. Para estes afectados e afectadas, “a solución a este problema é político”.

Na Galiza xa hai 12 persoas que están imputadas en causas penais por participaren en mobilizacións de afectad@s

Presión policial

No comunicado emitido desde este colectivo, os seus responsábeis critican que “nin o Goberno nin as entidades bancarias fan nada por solucionar o problema. “Iso si, ben que presionan para que os corpos policiais acosen os afectados/as que se están a mobilizar”, apuntan.

Neste senso, afirman que na Galiza xa hai 12 persoas que foron identificadas e que están imputadas en causas penais. “Responsabilizamos de todo isto ao Goberno porque cremos que se trata dunha táctica para sacarnos da rúa, mais van conseguir todo o contrario”, aseguran. Finalmente, lamentan que “mentres os delincuentes que nos fixeron isto seguen en liberdade os que reclamamos o que nos roubaron somos denunciados”.

 CRTVG

Por último, estes afectados e afectadas amosan o rexeitamento “ás declaracións do presidente da CRTVG en resposta a unha proposta que trasladamos ao Parlamento galego a través do BNG. A nosa intención era que o ente público emitise un programa en horario de máxima audiencia para abordar o sucedido porque aínda queda moita xente por informar, mais o seu responsábel dixo que o tema xa tivera máis cobertura do que merece e que non so trata dunha problemática tan importante para ser tratada nun programa propio”.

Comentarios