As tres terminais galegas tentan recuperar a normalidade nos voos malia as queixas dalgúns usuarios

Os tres aeroportos deixan a Covid-19 atrás e moven 862.729 pasaxeiros máis

AENA fai públicos os datos de usuarios dos aeródromos galegos relativos a xuño, nos que se demostra que estas instacións tentan adaptarse á nova normalidade. A recuperación dos traxectos para mover mercancía vai más lenta, pero Lavacolla, Peinador e Alvedro xa envían e reciben un bo número de viaxeiras e viaxeiros e rexistran unha operativa intensa
aeroporto máscaras viaxeiros
photo_camera Viaxeiras na terminal dun aeroporto galego (Foto: Nós Diario)

A nova normalidade tenta instalarse na rede aeroportuaria galega. Con independencia dos abrochos da Covid-19 e da desconfianza e queixas dalgunhas usuarias pola falla de control nos avións -e despois de ter coñecemento da viaxe dun enfermo nun autobús entre Madrid e Vigo sen ningunha medida especial para evitar contaxios-, os tres aeroportos galegos loitaron en xuño por volver á normalidade. Tanto que ocuparon 864.240 asentos fronte aos 1.511 do mes de maio.

Se ben é certo que Rosalía de Castro (Compostela), Alvedro (A Coruña) e Peinador (Vigo) están lonxe de acadar as súas cifras habituais, e máis para a época de verán, xunto coas aeroliñas están impulsando de novo os movementos entre os distintos destinos que ofertan. De maio a xuño houbo una diferenza de 862.729 usuarios no cómputo global.

Iso ocorreu a pesar de que empezou a tomarse ritmo a mediados do pasado mes. Unha vez publicados os datos hoxe mesmo, fontes de AENA destacaron que “as compañías aéreas comezaron a incrementar a súa operativa en xuño e esta tendencia foi a máis destacada a partir do mes de xullo”.

Chegada de pasaxeiros internacionais

“Unha evolución que reflexa unha mellora das expectativas do tráfico para os meses pico do verán, en consonancia coa fin das restricións á mobilidade en España e coa chegada de pasaxeiros internacionais”, incidiron, sen falar de ningún tipo de risco.

Mentres que en maio foi na terminal da Coruña onde houbo máis movementos ao contabilizarse 851 viaxeiros, en xuño o Rosalía de Castro (antigo Lavacolla) liderou con 444.775 usuarios. É a situación normal tendo en conta que é a infraestrutura con máis (especialmente ao estranxeiro) conexións e empresas operadoras e que Compostela volve recibir visitantes a bo ritmo.

Mais as galegas e galegos tamén se moveron aos tradicionais destinos de descanso e praia. Ou por traballo. Nas redes sociais, quer no país, quer no Estado, puidéronse ver queixas pola falta de distancia entre pasaxeiras ou o feito de que algunhas quitaran a máscara dentro dos avións. Neste sentido, AENA defende que no que lle toca puxo en marcha as medidas exixidas.

Operacións e desprazamentos de mercancía

Iso quedou rexistrado polo número de operacións, é dicir, de voos. 11.019. Curiosamente houbo máis traxectos na Coruña malia que Lavacolla tivo máis usuarias e usuarios. Isto débese a que parte dos voos de Alvedro están directamente relacionados coas prácticas da escola de pilotos Aeroflota del Noroeste (AFN).

Os movementos desde as terminais de carga aínda tardarán en coller forza. As tres instalacións revelan datos de descenso das toneladas tratadas con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Aínda así acelerouse a xestión fronte ao mes de maio.

Comentarios