Adolfo Domínguez reduce números vermellos no seu terceiro trimestre

Adriana Domínguez (Europa Press).
photo_camera Adriana Domínguez (Europa Press).

Adolfo Domínguez progresa adecuadamente na redución das súas perdas. No seu terceiro trimestre do exercicio, fechado o pasado 30 de novembro, os números vermellos situáronse nos nove primeiros meses en 2,1 millóns de euros, o que supón 32,7% menos, segundo informou onte a compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). 

Entre febreiro e novembro, a firma dirixida pola filla do deseñador, Adriana Domínguez,  elevou a súa a facturación 1%, até os 76,6 millóns de euros, cun incremento das vendas comparábeis (sen contar aperturas e feches) de 5% e crecemento en todos os mercados nos que opera, en especial nos de Xapón (8,9%) e México (7,1%).  

Desde o feche do exercicio anterior, a compañía mantén o seu resultado operativo (Ebitda) en positivo, 5,5 millóns de euros a 30 de novembro de 2019, unha vez aplicadas as novas normas contables (NIIF 16). Este valor difire moito dos 8,8 millóns de euros en negativo que rexistraba a firma ourensá no mesmo período de 2016. 

Neste senso, Antonio Puente, director xeral de Adolfo Domínguez destacou que a compañía está "enfocada cara á rendibilidade". "Realizamos un gran esforzo de xestión e renovación e iso permítenos vender 3,5 millóns de euros máis con 130 puntos de venda menos no últimos tres anos", resaltou.

Novas aperturas

Adolfo Domínguez continúa coa optimización da súa rede comercial, que inclúe a apertura de 21 novos puntos de venda en cinco países entre marzo e novembro de 2019.México, o mercado que mellor lles funciona lidera as aperturas (10), seguida do Estado español (7), Portugal (2), China e Rusia, cunha apertura cada un.

Comentarios