Adif terá lista a vía de alta velocidade a Taboadela antes do verán

As probas de carga nos viaductos do treito ente Pedralba e Taboadela, que reducirá en 50 minutos a viaxe a Madrid, comezarán en marzo.
Tren auscultador Séneca. (Adif)
photo_camera Tren auscultador Séneca. (Adif)

Entre as múltiples datas que se anunciaron para a chegada do AVE a Galiza, 2020 foi unha das que máis se escoitou estes últimos anos. Se ben todo apunta a que non vai chegar a tempo, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) loita por apurar os prazos para que as galegas non tarden en contar cun tren en condicións que lles comunique coa meseta. De feito, desde o organismo español adiantan que as dúas vías do treito de 101 quilómetros entre Pedralba de la Pradería (Zamora) e Taboadela estarán "totalmente rematadas" no segundo trimestre do ano, antes do verán.

Na actualidade traballan nas obras cinco equipos, cun rendemento de execución de vía a razón de "200 metros por día por equipo". En marzo "estase a programar" o inicio das probas de carga nos viadutos e xa no mes de xaneiro Adif iniciará o tendido da catenaria na vía dereita. En canto ao treito anterior, o que discorre entre Zamora e Pedralba de la Pradería, de 110 quilómetros, o administrador ferroviario sinala que está en fase de probas o sistema de seguridade ERTMS, e que o prazo da súa posta en servizo mantense para a vindeira "primavera". "En breve comezarán as probas dinámicas co tren laboratorio Séneca en diferentes chanzos de velocidade até os 300 quilómetros por hora", explica a entidade presidida por Isabel Pardo de Vera sobre este treito.

No que atinxe á chegada a Ourense, Adif vai aproveitar os 17 quilómetros do corredor convencional desde Taboadela como solución complementaria á variante exterior. Porén, traballa na implantación do ancho mixto, a construción dun novo ramal para conectar a liña de alta velocidade coa convencional, a instalación da superestrutura e a construción dun cambiador de ancho en Taboadela.

Comentarios