ADIF adxudica o proxecto construtivo do acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña

ADIF Alta Velocidade (ADIF AV) adxudicou o proxecto construtivo do acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña, por 123.575.552 euros e un prazo de execución de 48 meses.
Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira (Foto: Europa Press)
photo_camera Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira (Foto: Europa Press)

ADIF Alta Velocidade (ADIF AV) adxudicou o proxecto construtivo do acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña, en Punta Langosteira, por 123.575.552 euros e un prazo de execución de 48 meses, á UTE formada por Sacyr Construción, Cavosa Obras e Proxectos e Construcións e Obras Taboada Ramos.

Estas obras, explican nun comunicado, son froito dos acordos estabelecidos no convenio asinado entre Mitma, ADIF AV, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña (APAC), nos que se estabelece que ADIF AV licitará e executará as obras promovidas pola APAC.

A nova infraestrutura ferroviaria, que dá cumprimento a un dos puntos do acordo de investidura entre BNG e PSOE, incorporarase á Rede Ferroviaria de Interese Xeral, asumindo a APAC a súa titularidade e administración.

O trazado, cunha lonxitude total de 6,7 km de lonxitude, dos que 5,3 km discorren en túnel, está deseñado en vía única sen electrificar, sobre a que nunha primeira fase montarase vía con ancho ibérico (1.668 mm).

Porén, existe previsión dunha posterior adaptación ao ancho internacional (1.435 mm). Ademais, o deseño proposto é compatíbel cunha futura electrificación do acceso ao Porto Exterior da Coruña.

O proxecto será financiado na súa totalidade con cargo ao Mecanismo de Reconstrución e Resiliencia (MRR) da Unión Europea (UE) con fondos que serán asignados á Autoridade Portuaria da Coruña.

Así mesmo, e segundo recolle o convenio, a APAC será a responsábel da licitación e execución das obras para o desenvolvemento da Fase 1 da rede ferroviaria no Porto Exterior, que darán continuidade ás obras do novo ramal de acceso.

O investimento estimado para esta actuación é de 14 millóns de euros, financiados tamén no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con cargo ao MRR.

Comentarios