Adiante Vimianzo insta o Concello a paralizar a creación do Parque Eólico Monte Chan

O partido con representación na Corporación municipal considera que todo o pleno debe preservar a riqueza paisaxística da zona que estaría afectada por este proxecto de explotación enerxética. Lembran que esta iniciativa empresarial está pensada para a zona dos Penedos de Pasarela e Traba, considerados unha paisaxe protexida.

Vista da paisaxe protexida. (Foto: Turismo da Galiza)
photo_camera Vista da paisaxe protexida. (Foto: Turismo da Galiza)

A formación Adiante Vimianzo, a través do seu portavoz Manuel Antelo Pazos, presentou unha moción para debater no pleno o rexeitamento á creación do Parque Eólico Monte Chan, pois afectaría a unha zona protexida tal e como é agora o proxecto.

O grupo municipal pretende conseguir apoios para botar atrás a iniciativa de EDP Renovables España S.L.U. por entender que non se pode permitir que dous dos aeroxeneradores se sitúen na paraxe dos Penedos da Pasarela.

Antelo xustifica esta consideración porque Os Penedos de Pasarela e Traba foron recoñecidos como Paisaxe Protexida pola Xunta en decembro de 2008, “logo dunha intensa loita de moitos colectivos sociais que impediron que nesta paraxe natural se instalase unha canteira que a destruiría por completo e que contase coa máxima protección paisaxística”.

O partido advirte de que de seguir adiante co plan, a compañía provocaría un “dano irreparábel” nesa zona. De feito, din, a propia memoria de impacto revela que o grao de afección sobre o lugar sería “difícil de paliar”.

Esta circunstancia dáse porque, como recolle o proxecto, incluiríase nun entorno “con elevados valores xeomorfolóxicos, paisaxísticos e culturais”. Por exemplo, na contorna na que iría unha das torres de captación de enerxía hai unha necrópole megalítica. Adiante Vimianzo entende que, unha vez parado o plan da canteira, non se pode ir cara atrás permitindo esta proposta tamén lesiva.

Con esta exposición de motivos que levarán ao pleno, instarán a todos os grupos a rexeitar calquera explotación eólica futura e, en particular, a de Monte Chan.

Tamén queren que se defenda a “integridade paisaxística” e que o Concello redacte un informe a respecto do que hai nese patrimonio cultural.

Comentarios